O Alcalde informa da apertura dunha nova convocatoria de axudas para sufragar o gasto enerxético nos fogares de persoas vulnerables

Monforte de Lemos, 16 de febreiro de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da aprobación das bases reguladoras da convocatoria de concesión de axudas económicas para mellorar a eficiencia enerxética nos fogares de persoas en situación de risco e/ou exclusión social durante o ano 2026. O rexedor deu conta desta iniciativa ao remate da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe. “Este Alcalde, e este Equipo de Goberno, non quere que a ningunha familia do noso Concello lle falte o calor no seu fogar”, apunta o rexedor.

Esta convocatoria forma parte do Programa de Mellora da Eficiencia Enerxética e a contía prevista ascende a 25.000€. O obxectivo das axudas, explica o rexedor, “é apoiar ás familias do municipio de Monforte máis vulnerables e que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos, especialmente nun tempo no que o importe da factura enerxética, tanto de electricidade como de gas, tense incrementado considerablemente”.

Esta liña de axudas está destinada a paliar situacións transitorias de necesidade social relacionadas co pagamento de subministracións básicas de enerxía eléctrica, gas, gasoil calefacción e outras fontes de enerxía da vivenda das persoas e/ou familias que se atopen nunha situación de vulnerabilidade social e que teñan a súa residencia no ámbito municipal de Monforte de Lemos. “A enerxía é unha necesidade básica e por iso queremos contribuír dende o Equipo de Goberno a minimizar as dificultades económicas das familias veciñas que máis o necesitan”, indica o Alcalde.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase nas vindeiras xornadas, concretamente, ao día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo e estará aberta ata o 18 de decembro de 2026.

 

Gastos financiables

Tal el como recollen as bases aprobadas, os gastos financiables a través destas axudas corresponderán á vivenda habitual do solicitante. Atendendo a súa finalidade poderán ser os seguintes:

  • Axudas para facer fronte ás facturas de electricidade que estean pendentes de pagamento na data da solicitude.
  • Axudas para facer fronte ás facturas de gas natural pendentes de pagamento na data da solicitude.
  • Axudas para facer fronte ó gasto de subministro de gasoil para calefacción e/ou auga quente.
  • Axudas para o subministro de gas butano para electrodomésticos de cociña, quentador e outro equipamento básico da vivenda para a mesma finalidade.
  • Axudas para outras fontes de enerxía, previa valoración técnica dos servizos sociais.
  • Axudas para facer fronte ás facturas de instalación/reparación de caldeiras ou adquisición doutros equipamentos que constitúan unha fonte de enerxía tales como quentadores, estufas… e que estean pendentes de pagamento na data de solicitude.

No caso das axudas para gas natural/gasoil destinadas ó mantemento do servizo de calefacción, atenderanse as solicitudes presentadas nos meses correspondentes á tempada de frío.

Así mesmo, poderán ser obxecto das axudas os custos ocasionados para restablecer as subministracións no caso en que se producise o corte destas.

 

Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta axudas as persoas ou unidades de convivencia residentes no Concello de Monforte de Lemos que os Servizos Sociais valoren que se atopan en situación ou risco de exclusión social que cumpran os requisitos de acceso establecidos no punto 5º e as condicións reguladas nestas bases.

Considérase situación de risco de exclusión social aquela provocada pola ausencia ou insuficiencia de recursos económicos para afrontar as necesidades básicas da unidade familiar e, no seu caso, a concorrencia doutros factores que ponderados polos servizos sociais comunitarios condicionen negativa e/ou gravemente a inclusión social.

Así mesmo, considérase unidade de convivencia o conxunto de persoas que viven no mesmo domicilio. A determinación dos membros da unidade de convivencia realizarase atendendo á situación existente no momento da solicitude e tendo en conta os datos que figuren no padrón municipal.

 

Requisitos

Poderán solicitar e ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas ou unidades de convivencia que reúnan os seguintes requisitos:

  • Ser maior de idade ou menor emancipado con menores a cargo.
  • Que o solicitante e a unidade familiar independente solicitante estean empadroados e teñan residencia efectiva no termo municipal de Monforte de Lemos cunha antigüidade mínima e ininterrompida de 6 meses. Excepcionalmente, atendendo as circunstancias sociais do caso, poderase eximir do período mínimo de residencia segundo valoración técnica dos servizos sociais.
  • Acreditar a situación de necesidade social pola que demanda a axuda orixinada pola insuficiencia de ingresos para afrontar os gastos derivados da situación que xustifica a solicitude de axuda.
  • Ser o titular do contrato da subministración eléctrica ou gas natural e que estea vixente na data de presentación da solicitude. No caso de ser titular dun contrato de arrendamento, ser o pagador da correspondente factura de subministro da vivenda e non ter coa persoa arrendadora da vivenda alugada relación conxugal ou de parentesco ata o 3º grao nin constituír con aquel unión estable e de convivencia con análoga relación de afectividade conxugal.
  • No caso de subministracións eléctricas e gas natural que teñan facturas impagadas.

 

Contía e límite da axuda

A contía das axudas determinarase en función do tipo de axuda e da valoración social realizada pola traballadora social de referencia da persoa solicitante e có limite que se establece a continuación:

 

TIPO AXUDA

LÍMITE DA AXUDA

1-Enerxía eléctrica

Ata un máximo de 250€/ano.

2-Gas natural

Ata un máximo de 250€/ano

3-Gasoil

Ata un máximo de 500€/ano

4-Gas butano

Ata un máximo 150 €/ano

5-Outras fontes de enerxía

Ata un máximo de 300€/ano

6- Instalación/Reparación de caldeiras e equipamento básico (quentador de auga, estufas...)

Ata un máximo de 500€/ano

 

 

Presentación de solicitudes

As solicitudes de axuda cubriranse a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica do Concello (https://sede.monfortedelemos.es) e presentarase preferentemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar as solicitudes presencialmente en soporte papel no modelo normalizado no Rexistro Xeral do Concello ou no existente no Centro de Servizos Sociais comunitarios ou en calquera das formas previstas na normativa reguladora do procedemento administrativo.