
Monforte de Lemos, 6 de marzo de 2026. A Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, participou esta tarde na presentación da XVIII edición do certame gastroturístico “Estase Cocendo”, organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), coa colaboración do Concello de Monforte.
A presentación tivo lugar ás 18.30 horas no Centro do Viño de Monforte e contou, ademais, coa presencia do presidente da APEHL, Cheché Real; a Xefa da área provincial de Turismo da Xunta, Paloma Vázquez; os traballadores dos servizos de extinción de incendios Javier Morillo e Manuel González, e Silvia Buján, afectada polos lumes na aldea de Budián (Pantón).
Na súa intervención, a Tenente de Alcalde felicitou á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo pola organización dun evento que, dixo, “supón un verdadeiro impulso económico para Monforte e para a Ribeira Sacra”. Neste senso, reiterou o compromiso do Concello coa APEHL e coa súa Delegación Sur xa que certames como o “Estase Cocendo”, constitúen “unha verdadeira oportunidade para dinamizar a economía local, atraer visitantes e seguir posicionando a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra como destino turístico e gastronómico de referencia”, indicou Prada, que tivo tamén palabras para o sector hostaleiro implicado neste evento: “Co seu esforzo e implicación veñen demostrando cada ano a súa profesionalidade e creatividade na elaboración do prato protagonista deste certame, o cocido”.
Gloria Prada, que estivo acompañada no acto polo Concelleiro de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, sumouse tamén á homenaxe que a APEHL fai este ano aos traballadores dos servizos de extinción de incendios e ás persoas que loitaron contra os lumes do pasado verán: “Queremos trasladar desde aquí o noso recoñecemento e gratitude aos equipos de extinción, ás brigadas forestais e a todas as persoas que loitaron sen descanso para protexer ás nosas veciñas e veciños e o noso patrimonio natural. Grazas polo voso esforzo e compromiso, pola vosa valentía e polo voso servizo público”, indicou.
O “Estase cocendo” celebrarase durante as fins de semana desde o 7 ao 22 de marzo en máis de 60 establecementos da Ribeira Sacra que ofrecerán tapas e menús a base de cocido, o prato estrela desta iniciativa. Así mesmo, Monforte acollerá o 21 de marzo o “Cocido das meigas”, que incluirá unha comida nun restaurante, obradoiros infantís, batucada o Aquelarre das Meigas e a Festa da Noite Meiga na Praza de Abastos.