O Mercado para a Medieval premia os mellores doces: La Luna, Gemma&Naza e Pan da Casa gañan o concurso “A polo mellor doce”

Monforte de Lemos, 22 de marzo de 2026. A Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, fixo entrega este domingo, ás 13.00 horas, dos premios do concurso de repostería e pastelería “A polo mellor doce”, convocado polo Concello de Monforte dentro das actividades do Mercado para a Medieval, que se está a celebrar esta fin de semana na Praza de Abastos de Monforte, nos prolegómenos da XXII Feira Medieval.

O certame consistiu na elaboración de doces relacionados coa repostería ou estética medievais, e participaron un total de oito pastelarías e panadarías da cidade: La Luna, Pan da Casa, As Gándaras, Moure, O Castro, Fernández, Rufina e Gemma&Naza Cheesecakes. Foi o público do Mercado o que, coas súas votacións, determinou os gañadores nas tres modalidades do concurso.

A panadería La Luna fíxose co premio ao doce máis creativo; Gemma&Naza Cheescakes levou o premio á innovación, e Panadería Pan da Casa, o premio ao doce tradicional. Os doces premiados sorteáronse entre as persoas que participaron na votación e os agraciados recolleron hoxe o seu agasallo da man dos propios reposteiros.

A Concelleira de Consumo estivo acompañada na entrega dos premios polos Concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e de Deportes, José Manuel Mougán. Os representantes do Equipo de Goberno agradeceron, en nome do Concello, a participación e implicación das pastelarías e panadarías locais neste certame, e animaron a seguir visitando o Mercado para a Medieval, que volve a abrir as súas portas este domingo pola tarde, de 17.00 a 20.00 horas.

Nesta edición conta con 12 postos de venta con produtos especializados no medievo. Nel pódense adquirir os produtos necesarios para ambientar e lucir as mellores galas nesta nova edición da Feira Medieval.