
Monforte de Lemos, 6 de xullo de 2026. O Alcalde, José Tomé Roca, ven de informar da aprobación na Xunta de Goberno Local deste luns, 6 de xullo, das bases que rexerán o procedemento de solicitude de instalacións deportivas municipais para adestramentos e actividades deportivas durante a tempada 2026-2027. Deste xeito, todas as entidades deportivas e clubs de Monforte que o desexen xa poden solicitar o uso de Instalacións Deportivas Municipais para a vindeira tempada.
En particular poderán presentar solicitude:
• Asociacións deportivas escolares ou centros educativos que participen en programas de deporte escolar durante a tempada 2026 – 2027.
• Clubs, entidades deportivas e asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que participen nalgún tipo de competición deportiva durante a tempada 2026 – 2027 organizada por algunha das federacións deportivas Galegas ou Españolas.
• Clubs, entidades deportivas e asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que organicen algunha actividade non oficial dirixida á promoción do deporte e a actividade física e recreativa entre os cidadáns durante a tempada 2026 – 2027.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na páxina web do Concello www.monfortedelemos.es.
Todos os clubs interesados na solicitude de instalacións deportivas para a tempada deberán presentar a documentación requirida nas bases da convocatoria dentro dos prazos establecidos.
Tanto as bases da convocatoria como o uso das instalacións deportivas está regulado polo REGULAMENTO DE USO, RESERVA E ALUGUER DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE MONFORTE, que foi publicado no BOP Nº 190 do xoves 20 de agosto de 2020.
A presentación farase obrigatoriamente a través de medios electrónicos tal e como se establece na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Ao pé desta nova pódese descargar pódese descargar a seguinte documentación:
• Bases da convocatoria
• Instrucións para presentar a solicitude.