O Alcalde inaugura a XXVI Mostra Artelemos, que converte o Cardeal no escaparate da artesanía ata o vindeiro sábado 8 de agosto

Monforte de Lemos, 3 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou hoxe a XXVI Mostra de Artesanía Artelemos, que se desenvolverá na rúa Cardeal de Monforte desde este luns 3 de agosto ata o sábado 8 na rúa Cardeal de Monforte. O evento, que se celebra na antesala das Festas Patronais, enmárcase no Programa Cultural de Verán do Concello de Monforte e conta cun total de 32 postos de artesanía.

Acompañado polos Concelleiros e a Concelleira de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, Medio Ambiente, Miguel Tomé, xunto coa  técnica de Promoción Económica, María Trinidad López, o Alcalde fixo un percorrido polo recinto dando a benvida ao conxunto dos artesáns e artesás que participan este ano na Mostra e que representan unha ampla variedade de disciplinas tradicionais e contemporáneas como a orfebrería, cestería, coiro, vidro, cerámica, olaría de Gundivós, madeira, lá e outras especialidades que amosan a riqueza do patrimonio artesanal.

O rexedor destaca que Artelemos é “unha cita xa plenamente consolidada no calendario do noso Concello e da Ribeira Sacra, converténdose cada verán nun importante punto de encontro entre artesáns, veciñanza e visitantes”. Así, desde este luns e ata o sábado, a céntrica rúa Cardeal “volve converterse no gran escaparate da artesanía da nosa comarca, de Galicia e doutras zonas do Estado, ofrecendo ao público unha ampla mostra do traballo feito a man”, apunta José Tomé.

 

32 postos de artesanía

Nesta edición participan artesáns e artesás das catro provincias galegas, así como de León, Toledo e Murcia.

Concretamente, 13 son do territorio da Ribeira Sacra, 1 da cidade de Lugo, 3 da provincia de Ourense (2 da capital e 1 de Allariz), 5 de A Coruña (3 de Santiago de Compostela e 2 doutras localidades), 6 de Pontevedra (3 de Vigo e 3 doutras localidades), 3 da provincia de León, 1 de Toledo e outro de Murcia.

 

Demostracións en directo e obradoiros para todas as idades

Un dos principais atractivos de Artelemos é a presenza dos propios artesáns elaborando as súas pezas en directo. Durante toda a mostra desenvolveranse demostracións e obradoiros participativos que permitirán achegar ao público aos distintos oficios artesanais.

As actividades celebraranse diariamente entre as 12:00 e as 14:00 horas e entre as 19:00 e as 21:00 horas, mentres que a Mostra abrirá ao público de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas.

A programación dos obradoiros arrancou este luns 3 de agosto, coincidindo coa inauguración oficial ás 12.00 horas. Nesta xornada, o público puido desfrutar da elaboración en directo da tradicional olaría de Gundivós a cargo de Elías González, así como de cestería, con taller e demostración coa artesá Luisa Martínez.

O martes 4 será a quenda de Otilia Arias e Tomás López, que ofrecerán unha demostración da olaría tradicional da Ribeira Sacra Figulus, ademais de obradoiros de olería destinados ao público infantil.

O mércores 5, Lucía Casado impartirá un taller de coiro no que os participantes elaborarán un colgante artesanal.

O xoves 6, Luisa Mosquera dirixirá un obradoiro de fieltro en lá e puntadas de bordado a man, pensado para participantes de todas as idades.

O venres 7, Amparo Escrich desenvolverá un obradoiro de modelado en barro destinado a nenos e nenas.

Finalmente, o sábado 8, a programación rematará con dous obradoiros simultáneos: María Monsalve impartirá un taller de fieltrado con agulla en seco para todos os públicos, mentres que Noel Pérez ofrecerá unha actividade infantil de moldeado e pintura píntega. En ambos os casos, os participantes poderán elaborar e levar consigo as súas propias creacións.

Para participar nos obradoiros é necesario inscribirse no stand do Concello, no propio recinto feiral, cun mínimo de media hora de antelación ao inicio de cada actividade.

 

 

 

 

 

Apoio á economía local

José Tomé destaca a aposta do Equipo de Goberno por iniciativas como Artelemos, que poñen en valor o traballo dos artesáns e artesás, “que son auténticos embaixadores da nosa cultura, xa que conservan técnicas transmitidas de xeración en xeración e contribúen a manter vivo un legado que forma parte da identidade da Ribeira Sacra”. Apoiar aos nosos artesáns, engade, “significa tamén apoiar o desenvolvemento do medio rural, a economía local e a promoción turística do noso territorio”.

Por este motivo, o rexedor convida á veciñanza e ás persoas que visiten Monforte durante esas datas a achegarse á rúa Cardeal para coñecer de primeira man o traballo destes profesionais, participar nas actividades programadas e apoiar coas súas compras un sector que forma parte esencial da cultura e das tradicións da Ribeira Sacra.

“Estou convencido de que esta XXVI edición de Artelemos volverá ser un éxito de participación e contribuirá a reforzar a imaxe de Monforte como un referente cultural, artesanal e turístico da Ribeira Sacra”, concluíu.

 

PROGRAMACIÓN XXVI MOSTRA ARTELEMOS 2026

Luns 3:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 - Inauguración da XXVI Mostra Artelemos.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez.
  • 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Martes 4:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.
  • 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra Figulus. Artesán: Tomás López.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.
  • 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra Figulus. Artesán: Tomás López.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Mércores 5:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dun colgante de pez fantástico. Artesá: Lucía Casado.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dun colgante de pez fantástico. Artesá: Lucía Casado.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Xoves 6:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro con fieltro de lá e puntadas de bordado a man. Artesá: Luisa Mosquera.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30- Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro con fieltro de lá e puntadas de bordado a man. Artesá: Luisa Mosquera.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Venres 7:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 a 12:00- Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
  • 22:00 - Peche dos stands.

 

Sábado 8:

  • 10:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro da técnica Needle Felting (feltrado con agulla en seco). Creación dun chaveiro. Artesá: María Monsalve.
  • 12:00 a 14:00 - Obradoiro de modelado e pintura píntega. Creación dun Lagarto Arnau. Artesán: Noel Pérez.
  • 17:00 - Apertura dos stands de venda.
  • 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro da técnica Needle Felting (feltrado con agulla en seco). Creación dun chaveiro. Artesá: María Monsalve.
  • 19:00 a 21:00 - Obradoiro de modelado e pintura píntega. Creación dun Lagarto Arnau. Artesán: Noel Pérez.
  • 22:00 - Peche dos stands.