
Monforte de Lemos, 3 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou hoxe a XXVI Mostra de Artesanía Artelemos, que se desenvolverá na rúa Cardeal de Monforte desde este luns 3 de agosto ata o sábado 8 na rúa Cardeal de Monforte. O evento, que se celebra na antesala das Festas Patronais, enmárcase no Programa Cultural de Verán do Concello de Monforte e conta cun total de 32 postos de artesanía.
Acompañado polos Concelleiros e a Concelleira de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luis Losada, Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, Medio Ambiente, Miguel Tomé, xunto coa técnica de Promoción Económica, María Trinidad López, o Alcalde fixo un percorrido polo recinto dando a benvida ao conxunto dos artesáns e artesás que participan este ano na Mostra e que representan unha ampla variedade de disciplinas tradicionais e contemporáneas como a orfebrería, cestería, coiro, vidro, cerámica, olaría de Gundivós, madeira, lá e outras especialidades que amosan a riqueza do patrimonio artesanal.
O rexedor destaca que Artelemos é “unha cita xa plenamente consolidada no calendario do noso Concello e da Ribeira Sacra, converténdose cada verán nun importante punto de encontro entre artesáns, veciñanza e visitantes”. Así, desde este luns e ata o sábado, a céntrica rúa Cardeal “volve converterse no gran escaparate da artesanía da nosa comarca, de Galicia e doutras zonas do Estado, ofrecendo ao público unha ampla mostra do traballo feito a man”, apunta José Tomé.
32 postos de artesanía
Nesta edición participan artesáns e artesás das catro provincias galegas, así como de León, Toledo e Murcia.
Concretamente, 13 son do territorio da Ribeira Sacra, 1 da cidade de Lugo, 3 da provincia de Ourense (2 da capital e 1 de Allariz), 5 de A Coruña (3 de Santiago de Compostela e 2 doutras localidades), 6 de Pontevedra (3 de Vigo e 3 doutras localidades), 3 da provincia de León, 1 de Toledo e outro de Murcia.
Demostracións en directo e obradoiros para todas as idades
Un dos principais atractivos de Artelemos é a presenza dos propios artesáns elaborando as súas pezas en directo. Durante toda a mostra desenvolveranse demostracións e obradoiros participativos que permitirán achegar ao público aos distintos oficios artesanais.
As actividades celebraranse diariamente entre as 12:00 e as 14:00 horas e entre as 19:00 e as 21:00 horas, mentres que a Mostra abrirá ao público de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:00 horas.
A programación dos obradoiros arrancou este luns 3 de agosto, coincidindo coa inauguración oficial ás 12.00 horas. Nesta xornada, o público puido desfrutar da elaboración en directo da tradicional olaría de Gundivós a cargo de Elías González, así como de cestería, con taller e demostración coa artesá Luisa Martínez.
O martes 4 será a quenda de Otilia Arias e Tomás López, que ofrecerán unha demostración da olaría tradicional da Ribeira Sacra Figulus, ademais de obradoiros de olería destinados ao público infantil.
O mércores 5, Lucía Casado impartirá un taller de coiro no que os participantes elaborarán un colgante artesanal.
O xoves 6, Luisa Mosquera dirixirá un obradoiro de fieltro en lá e puntadas de bordado a man, pensado para participantes de todas as idades.
O venres 7, Amparo Escrich desenvolverá un obradoiro de modelado en barro destinado a nenos e nenas.
Finalmente, o sábado 8, a programación rematará con dous obradoiros simultáneos: María Monsalve impartirá un taller de fieltrado con agulla en seco para todos os públicos, mentres que Noel Pérez ofrecerá unha actividade infantil de moldeado e pintura píntega. En ambos os casos, os participantes poderán elaborar e levar consigo as súas propias creacións.
Para participar nos obradoiros é necesario inscribirse no stand do Concello, no propio recinto feiral, cun mínimo de media hora de antelación ao inicio de cada actividade.



Apoio á economía local
José Tomé destaca a aposta do Equipo de Goberno por iniciativas como Artelemos, que poñen en valor o traballo dos artesáns e artesás, “que son auténticos embaixadores da nosa cultura, xa que conservan técnicas transmitidas de xeración en xeración e contribúen a manter vivo un legado que forma parte da identidade da Ribeira Sacra”. Apoiar aos nosos artesáns, engade, “significa tamén apoiar o desenvolvemento do medio rural, a economía local e a promoción turística do noso territorio”.
Por este motivo, o rexedor convida á veciñanza e ás persoas que visiten Monforte durante esas datas a achegarse á rúa Cardeal para coñecer de primeira man o traballo destes profesionais, participar nas actividades programadas e apoiar coas súas compras un sector que forma parte esencial da cultura e das tradicións da Ribeira Sacra.
“Estou convencido de que esta XXVI edición de Artelemos volverá ser un éxito de participación e contribuirá a reforzar a imaxe de Monforte como un referente cultural, artesanal e turístico da Ribeira Sacra”, concluíu.
PROGRAMACIÓN XXVI MOSTRA ARTELEMOS 2026
Luns 3:
- 10:00 - Apertura dos stands de venda.
- 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 12:00 - Inauguración da XXVI Mostra Artelemos.
- 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez.
- 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
- 17:00 - Apertura dos stands de venda.
- 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería de Gundivós. Artesán: Elías González.
- 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Cestería para nenos/as. Artesá: Luisa Martínez
- 22:00 - Peche dos stands.
Martes 4:
- 10:00 - Apertura dos stands de venda.
- 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.
- 12:00 a 14:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra Figulus. Artesán: Tomás López.
- 17:00 - Apertura dos stands de venda.
- 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Olería para nenos/as. Artesá: Otilia Arias.
- 19:00 a 21:00 - Demostración de Olería Tradicional da Ribeira Sacra Figulus. Artesán: Tomás López.
- 22:00 - Peche dos stands.
Mércores 5:
- 10:00 - Apertura dos stands de venda.
- 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dun colgante de pez fantástico. Artesá: Lucía Casado.
- 17:00 - Apertura dos stands de venda.
- 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Coiro. Elaboración dun colgante de pez fantástico. Artesá: Lucía Casado.
- 22:00 - Peche dos stands.
Xoves 6:
- 10:00 - Apertura dos stands de venda.
- 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 12:00 a 14:00 - Obradoiro con fieltro de lá e puntadas de bordado a man. Artesá: Luisa Mosquera.
- 17:00 - Apertura dos stands de venda.
- 18:30- Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 19:00 a 21:00 - Obradoiro con fieltro de lá e puntadas de bordado a man. Artesá: Luisa Mosquera.
- 22:00 - Peche dos stands.
Venres 7:
- 10:00 - Apertura dos stands de venda.
- 11:30 a 12:00- Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 12:00 a 14:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
- 17:00 - Apertura dos stands de venda.
- 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 19:00 a 21:00 - Obradoiro de Barro para nenos/as. Artesá: Amparo Escrich.
- 22:00 - Peche dos stands.
Sábado 8:
- 10:00 - Apertura dos stands de venda.
- 11:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 12:00 a 14:00 - Obradoiro da técnica Needle Felting (feltrado con agulla en seco). Creación dun chaveiro. Artesá: María Monsalve.
- 12:00 a 14:00 - Obradoiro de modelado e pintura píntega. Creación dun Lagarto Arnau. Artesán: Noel Pérez.
- 17:00 - Apertura dos stands de venda.
- 18:30 - Inscrición nos obradoiros con artesáns.
- 19:00 a 21:00 - Obradoiro da técnica Needle Felting (feltrado con agulla en seco). Creación dun chaveiro. Artesá: María Monsalve.
- 19:00 a 21:00 - Obradoiro de modelado e pintura píntega. Creación dun Lagarto Arnau. Artesán: Noel Pérez.
- 22:00 - Peche dos stands.