O Alcalde recibe as certificacións da Xunta que recoñecen a aposta do Concello de Monforte polo turismo responsable e reafirman a obtención dos distintivos Q de Calidade Turística

Monforte de Lemos, 21 de agosto de 2026. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de recibir as certificacións da Xunta de Galicia que recoñecen o compromiso do Concello de Monforte de Lemos co turismo de calidade e o cumprimento dos esixentes requisitos da Marca Q de Calidade Turística.

Ditas certificacións, asinadas polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e polo Director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, corresponden á Oficina de Información Turística, ao Miradoiro do Duque, á Torre da Homenaxe e ao Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, e recoñecen a aposta do Concello de Monforte pola calidade dos seus servizos e recursos turísticos e o cumprimento das normas de calidade establecidas para cada un destes espazos, logo de que obtiveran en 2024 o distintivo Q de Calidade Turística que concede o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).

O Alcalde, José Tomé, celebra este recoñecemento que “vén confirmar que estamos facendo un bo traballo e reafirmar que os catro espazos superan con éxito os esixentes criterios de calidade establecidos polo ICTE, nos que se avalían aspectos tan importantes como a atención ao cliente, a accesibilidade, a seguridade, a sustentabilidade e a calidade dos servizos ofrecidos aos turistas”. Este novo recoñecemento, engade, “dá continuidade ao compromiso adquirido polo Equipo de Goberno nos últimos anos coa mellora permanente da atención aos visitantes e coa consolidación da cidade como un destino turístico de referencia dentro da Ribeira Sacra e de Galicia”.

Así mesmo, o rexedor destaca a importancia de manter este nivel de esixencia e de continuar avanzando na mellora dos servizos turísticos municipais. “A Marca Q é un símbolo de confianza e excelencia que posiciona a Monforte de Lemos como un destino turístico de referencia dentro do panorama nacional, e para nós supón un aval ao traballo que estamos realizando para consolidar Monforte como un destino turístico de referencia na Ribeira Sacra e no conxunto Galicia”.

Subliña, ademais, que “o recoñecemento non só pon en valor os espazos certificados, senón tamén o esforzo do Equipo de Goberno e do conxunto do persoal para ofrecer un servizo de calidade que satisfaga as expectativas dos turistas”. Nesta liña, reafirma a vontade do Goberno municipal “seguir mellorando Monforte e ofrecendo a quen nos visita un servizo de calidade e unha experiencia única”.

 

Marca Q de Calidade Turística

A Marca Q de Calidade Turística é un distintivo de carácter nacional que acredita que os establecementos e servizos turísticos certificados cumpren uns estándares de calidade específicos e sometidos a un proceso de avaliación e auditoría. De tal xeito que a certificación supón unha garantía para os visitantes e unha ferramenta de mellora continua para os propios recursos turísticos.

No caso de Monforte, os recoñecementos certificados pola Xunta refírense a catro espazos fundamentais da oferta turística municipal: a Oficina de Información Turística garante unha atención profesional e información de calidade para as persoas visitantes; o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra reforza o seu papel como referente do enoturismo e da divulgación da cultura vitivinícola; mentres que o Miradoiro do Duque e a Torre da Homenaxe consolidan o seu valor como recursos fundamentais do patrimonio paisaxístico, histórico e cultural de Monforte.

A obtención e mantemento destas certificacións implica o cumprimento de esixentes criterios relacionados, entre outros aspectos, coa atención ao visitante, accesibilidade, seguridade, información, organización dos servizos e mellora continua, contribuíndo así a elevar a calidade global da experiencia turística.

 

Aposta por un turismo responsable

O Alcalde, José Tomé, “reafirma a nosa aposta por un turismo responsable, sostible e de calidade, capaz de poñer en valor o patrimonio, a cultura, a paisaxe e a identidade local e, ao mesmo tempo, contribuír ao desenvolvemento económico da cidade e do conxunto da Ribeira Sacra”.

Sen dúbida, conclúe, “a certificación da Marca Q é un paso fundamental para seguir consolidando a Monforte de Lemos como un destino turístico responsable. E, sobre todo, un compromiso para seguir mellorando e ofrecendo ás persoas que nos visitan un servizo de calidade”.