O Alcalde levará ó Pleno unha proposta sobre a Rede Transeuropea de Transportes

O Alcalde rexistrou unha proposta, para ser debatida no próximo pleno, sobre o papel que debe xogar Monforte na Rede Transeuropea de Transporte, coa pretensión de lograr a complicidade da Corporación Municipal unha vez que xa recabou o apoio dos sectores económicos da cidade reunidos no Consello Económico e Social.

 

Con esta actuación, Severino Rodríguez dalle continuidade ás accións que está levando a cabo coa finalidade de afortalar a Monforte como nodo loxístico de mercadorías e porta de entrada e saída do transporte ferroviario coa Meseta.

 

Proseguindo con estes encontros o Alcalde terá a oportunidade de plantearlle as súas peticións á Ministra de Fomento, no marco dunha reunión que manterá Ana Pastor coa directiva do Eixo Atlántico, mañá sábado en Pontevedra. A situación da conexión ferroviaria entre Vigo e Oporto e o futuro mapa do transporte de mercadorías en Galicia e no norte de Portugal serán os temas centrais da reunión entre a Ministra e o Presidente, o Vicepresidente e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico.

 

Severino Rodríguez tamén solicitou unha entrevista cos voceiros dos grupos políticos do Parlamento de Galicia, coa intención de lograr o seu apoio  ó papel de Monforte no transporte de mercadorías.

 

O respaldo co que conta Monforte para converterse no centro loxístico do transporte de mercadorías do noroeste peninsular vai medrando día a día.

 

Resulta evidente o apoio do Eixo Atlántico ás liñas de mercadorías que ligan os portos galegos coa Meseta, e a importancia da conexión cos portos portugueses desde Aveiro, por Salamanca, para constituír un sistema integral no que Monforte debe desempeñar un rol fundamental, en aras da competitividade da eurorrexión e as potencialidades derivadas da ampliación da Canle de Panamá.

 

Nunha recente reunión do Eixo Atlántico co Presidente da Xunta de Galicia, Severino Rodríguez manifestoulle a Núñez Feijoo o apoio da entidade luso galaica, coincidindo ambos dirixentes na necesidade dunha conexión dobre de mercadorías e pasaxeiros que comunique verticalmente os portos galegos e portugueses.

 

O Alcalde de Lugo tamén lle manifestou o seu total apoio, ó igual que xa fixera o Conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas. Pola súa banda, o Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha proposta do seu Presidente manifestando o respaldo ás pretensións de Monforte respecto do transporte de mercadorías.

 

Coa intención de sumar os maiores apoios posibles, Severino Rodríguez márcase o obxectivo de lograr odo Parlamento do Estado, ó tempo que realizou xestións para que as aspiracións de Monforte se planteen no Parlamento Europeo, así como para manter unha entrevista persoal co Comisario de Transportes da UE ou co Director Xeral das Redes Transeuropeas de Transportes.

 

Severino Rodríguez leva meses mantendo contactos e celebrando reunións na procura de apoios que reforcen a Monforte como peza indiscutible dentro da rede de distribución de mercadorías da UE. O obxectivo, segundo comentou o rexedor, é lograr que Monforte permaneza na Rede Básica de Transporte Ferroviario, iniciativa que conta co financiamento da Unión Europea e que posibilitaría o desenvolvemento de proxectos vinculados ó transporte de mercadorías, “coa implicación dos gobernos central e autonómico e o diñeiro xa asignado por Europa”, segundo sinalou o Alcalde.

 

En documento adxunto recóllese o texto íntegro da moción.