A Paramount Comedy e o Club da Comedia chegan a Monforte

A delegación de cultura do Concello de Monforte colabora no espectáculo de monólogos que a produtora “The Young Comedy” organiza na cidade do Cabe o vindeiro día 10 de febreiro.

 

Os cómicos Manu Badenes e Txabi Franquesa presentarán o espectáculo “Noite de monólogos 10”, no auditorio do Edificio Multiusos ás 22:30 h.

 

Manu Badenes compatibiliza o seu labor de cómico coa de actor, guionista e debuxante e, dende hai anos, ten presentado os seus espectáculos nos máis variados escenarios de todo o Estado. Os diferentes shows que realiza procuran que o espectador se identifique con situacións cotiáns nas que todos nos vemos inmersos, pondo de manifesto a súa capacidade para estreitar lazos de comunicación co público.

 

Txabi Franquesa é un monologuista con experiencia en teatro, cine e televisión, medios nos que desenvolveu as facetas de actor, guionista, dobrador e incluso director teatral.

 

O espectáculo “Noites de Monólogos 10” contará, ademais de con estes  recoñecidos monologuistas que teñen actuado en diversos programas televisivos, coa actuación do grupo de baile e acrobacias “Pans Crew”.

 

Dende hoxe poden adquirirse as entradas no Edificio Multiusos, entre as 16:00 e as 20:00 h., ó prezo de 10 €. Tamén se poñerán á venda no despacho de billetes o propio día 10 de febreiro cun prezo de 12 €.

 

Máis información sobre a venda de entradas no teléfono 982-40-38-93, de 16:00 a 20:00 h.