Sete concellos demandan a construción en Monforte dun centro de continuidade para discapacitados

O alcalde de Monforte e Teresa Fernández, da APA do Colexio de Educación Especial Infanta Helena, informaron en rolda de prensa sobre os acordos acadados hoxe venres nunha reunión na que participaron representantes de concellos da comarca e da bisbarra e integrantes da citada APA.

 

O obxecto da reunión, solicitada pola APA, era explicarlles ós rexedores a situación e a problemática que se orixina cando os seus fillos/as cumpren 21 anos e teñen que abandonar o citado colexio.

 

Teresa Fernández lembrou que a APA mantivera varias reunións con representantes da Xunta de Galicia coa intención de lograr un centro de continuidade para os seus fillos/as, pero que estas xuntanzas sempre remataran sen ningún compromiso firme para poñer en marcha o centro que demandan.

 

Esta integrante da APA falou do vacío que existe no sur de Lugo ante a inexistencia de centros que poidan acoller ós seus fillos/as, e de que as únicas alternativas que lles ofrecen son centros instalados na Coruña ou en Ferrol, sempre e cando queden  prazas libres. Segundo comentou Teresa Fernández, esta posibilidade obrigaríalles a sacar ós seus fillos/as do entorno familiar ó que están habituados, algo que resultaría contraproducente para os mozos e mozas e que tampouco satisface ós proxenitores.

 

A representante da APA do Infanta Helena dixo que levaban anos loitando por conseguir un centro de continuidade en Monforte e agradeceu a boa disposición que sempre amosou Severino Rodríguez ante as súas demandas. Teresa Fernández cualificou a reunión como fructífera porque tódolos asistentes chegaron á conclusión de que resultaba necesario dispoñer dun centro de continuidade.

 

O alcalde agradeceu a preocupación da APA por lograr este obxectivo, e a presenza na reunión de representantes dos concellos de Sarria, Chantada, O Barco de Valdeorras, Pobra do Brollón e Vilamartín de Valdeorras, así como o apoio e colaboración da alcaldesa do Incio que excusou a súa presenza debido a imprevistos de última hora.

 

O alcalde dixo que nesta xuntanza definírase a necesidade dun centro deste tipo e que o mesmo se faga en Monforte, unha proposta que levará ó proximo pleno que celebre a Corporación Municipal e na que se inclúe o compromiso do Concello de facilitar os terreos para a súa construción. Severino Rodríguez comentou que peticións similares á que el levara ó pleno serán propostas nos concellos que asisitiron á reunión.

 

Outro acordo acadado hoxe foi o de solicitar unha entrevista coa Conselleira de Traballo, coa finalidade de abordar un programa de actuación encamiñado a construír este centro, “sempre dende a colaboración e a lealdade”, comentou o rexedor.

 

Para os asistentes á reunión o obxectivo é lograr un compromiso da Xunta de Galicia para que o proxecto se redacte no ano en curso.

 

O rexedor monfortino dixo que, a día de hoxe, había cincuenta persoas que necesitaban un centro deste tipo pero que, no caso de que xa existira, o número de demandantes sería moito maior. Severino Rodríguez comentou que en toda a provincia de Lugo só había un centro de características similares en Sarria, centro que estaba moi saturado e cunha enorme lista de espera para poder ingresar.

 

Os membros da APA do Infanta Helena trasladarán ós demais concellos da comarca e da bisbarra a proposta que o alcalde de Monforte levará ó proximo pleno, co ánimo de que esta petición sexa debatida polas corporacións de cada municipio.

 

Tanto o alcalde de Monforte como a representante da APA subliñaron que o importante é comezar a dar pasos na procura da construción dun centro de continuidade para mozos e mozas discapacitados na cidade do Cabe.