O Instituto Nacional de Estatística (INE) requiriu ó concello de Monforte para que a entidade municipal comunicara a un total de 425 veciños/as que pasaran polo Concello para presentar o seu DNI, xa que non constaban na base de datos que manexa este organismo estatal.
Tratábase, na maioría dos casos, de persoas maiores que non renovaran o seu documento nacional de identidade tendo este data de caducidade.
Dende as oficinas municipais do padrón de habitantes enviáronse, en xaneiro do 2011, 425 cartas ás persoas afectadas, envío que volveu repetirse no mes de xuño para aqueles casos que tendo recibido a comunicación, non se persoaron no Concello para realizar os trámites correspondentes. Nas cartas explicábaselles a situación e solicitábase que presentasen o seu DNI no Concello para que, dende a institución municipal, remitiran copia do documento ó INE e solucionaran esta situación. Dende esa data foron 300 as persoas que atenderon este requirimento municipal, arranxando a situación anómala na que se atopaban.
Un total de 125 persoas non atenderon este chamamento polo que, en xaneiro deste ano, o INE comunicou ó Concello que debía iniciar os respectivos expedientes de baixa de oficio no padrón municipal. A baixa no padrón de habitantes supoñería a baixa automática no censo e, polo tanto, a perda dun dereito fundamental como é o dereito ó voto en calquera proceso electoral. Pero a baixa de oficio no padrón prexudicaría a estes cidadáns noutros aspectos, principiando pola perda de antigüidade e de residencia, co cal as persoas afectadas, aínda que volveran darse de alta no padrón, terían dificultades para optar a calquera axuda municipal onde a antigüidade como residente en Monforte sexa un factor de valoración.
Dende o Concello remitiuse no pasado mes de xaneiro unha terceira comunicación a estas 125 persoas, informándoos do inicio do expediente de baixa de oficio e solicitándolles que acudisen con urxencia ás oficinas do padrón municipal e presentasen o DNI para paralizar o citado expediente de baixa.
Se estas 125 persoas non regularizan a súa situación con urxencia, o Concello perderá 125 habitantes pero, o que é máis importante, 125 veciños/as perderán moitos dos dereitos que agora lle asisten.
Información sobre empadroamento no Concello de Monforte no apartado Áreas Municipais ► Estatística Padrón