Presentado o uniforme do Servizo de Protección á Cidadanía

O alcalde de Monforte e a concelleira de Seguridade presentaron os uniformes que identificarán ós sete integrantes do novo Servizo de Protección á Cidadanía.

 

Severino Rodríguez dixo que era importante que a cidadanía identificase a estes traballadores que estarán presentes en tódolos ámbitos da cidade, cubrindo aquelas necesidades relacionadas coa seguridade, atendendo as peticións da veciñanza, colaborando na organización de eventos, e inforrmando sobre posibles desperfectos no mobiliario urbano, entre outras actividades.

 

O Alcalde sinalou que agora centraban o seu labor en informar sobre a campaña do censo en colexios, residencias, empresas, etc, indicando que a creación deste servizo reportará maior seguridade nas rúas e mellorará a comunicación da cidadanía co Concello.

 

Os sete integrantes do Servizo de Atención á Cidadanía tamén colaboran na loxística dos Mercados de Monforte, no control dos postos da feira, ou na tramitación para solucionar a situación dos vehículos abandonados que o Concello retira das rúas.

 

Mª Xosé Vega dixo que traballaban en turnos de mañá e tarde e que a súa presenza nas rúas era permanente, prestando tamén servizo as fins de semana ou festivos nos que se celebrase algún evento que requirise da súa presenza.

 

A concelleira de Seguridade comentou que tanto o Concello como os integrantes do Servizo de Atención á Cidadanía están nun proceso de adaptación no que, pouco a pouco, vanse coñecendo as necesidades reais do servizo e os ámbitos onde resulta necesaria a súa colaboración.