O alcalde, Severino Rodríguez, entrevistarase mañá mércores, ás 13:00 h. no Parador de Monforte, coa deputada do BNG Rosana Pérez Fernández, con quen falará da incidencia que pode ter na cidade e na comarca a restruturación de Paradores.
Severino Rodríguez transmitiralle á deputada nacionalista en cortes que, no caso de que a compañía teña previsto pechar o Parador de San Vicente do Pino durante cinco meses ó ano, tal e como indican os medios de comunicación e ante a falta de confirmación oficial, esta medida resulta inaceptable para a cidade e para a Ribeira Sacra.
O Alcalde insistirá no papel que desenvolve o Parador de Monforte como establecemento hoteleiro de referencia no sur de Lugo e eixo fundamental na promoción e na difusión dun territorio con amplas posibilidades turísticas.
Ó remate deste encontro, ás 13:30 h., Rosana Pérez e Severino Rodríguez comparecerán ante os medios de comunicación no propio Parador.
As seguintes entrevistas do Alcalde cos cabezas de lista do PSOE e do PP pola provincia de Lugo serán o venres día 7, con José Blanco na sede dos socialistas en Lugo capital e, con case toda probabilidade, con Joaquín García Díez o luns día 10 de decembro.
Con estes encontros, Severino Rodríguez quere transmitirlle ós deputados a súa preocupación pola posible incidencia da restruturación de Paradores no funcionamento e no cadro de persoal do Parador de San Vicente do Pino e ver de que maneira se poden defender os intereses do Parador de Monforte fronte ás intencións da compañía.
Lembramos que o Alcalde xa dirixiu unha carta á presidenta conselleira delegada de Paradores, Ángeles Alarcó, solicitando unha entrevista na que se lle informe sobre a incidencia do proceso de restruturación no Parador de Monforte.