O goberno municipal solicitará o apoio da Corporación á manifestación en defensa do Hospital Comarcal

O grupo de goberno de Monforte presentou hoxe unha moción, para ser debatida por vía de urxencia no pleno do vindeiro martes, mediante a que solicita o apoio da Corporación Municipal ás iniciativas que tome a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte en favor da autonomía de xestión do Hospital Comarcal e en apoio á manifestación convocada pola citada Plataforma para o vindeiro día 16 de marzo.

 

Na exposición de motivos xustifícase a presentación desta proposta na inminente publicación, por parte da Xunta de Galicia, do Decreto polo que a xestión do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos pasará a depender de Lugo, perdendo así o carácter de área sanitaria integrada que tivo dende a súa creación.

 

Os nacionalistas aluden ás mensaxes dos profesionais sanitarios e dos integrantes da Plataforma sobre as graves consecuencias que terá esta decisión para os servizos que presta o centro hospitalario de referencia para a poboación da comarca monfortina e a súa bisbarra.

 

O grupo municipal do BNG considera que afastar os servizos do ámbito no que reside a poboación que debe recibilos é un inxustificable “paso atrás” que tanto a cidadanía como os seus representantes non poden admitir.

 

Finalmente, a moción alude á maioritaria demanda da veciñanza a prol dun Hospital Comarcal con xestión propia e independente de Lugo, así como ó compromiso adquirido en campaña electoral polo presidente da Xunta de Galicia, o Sr. Núñez Feijoo,  respecto ó mantemento da área sanitaria integrada en Monforte de Lemos.

 

Xúntase texto íntegro da moción.