Os queixos galegos volven ós Mercados de Monforte, que xa teñen pechado calendario ata xullo

Esta fin de semana, días 20 e 21 de abril, a Praza de Abastos de Monforte acollerá un mercado dos Queixos de Galicia qué, ademais, contará con Francia como país invitado.

 

A concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, presentou o evento e dixo que o mesmo contará coa participación de produtores de queixo de tódalas D.O. e Indicacións Xeográficas Protexidas da comunidade autónoma: Arzúa-Ullóa, San Simón da Costa, Queixo Tetilla e Cebreiro. Ademais, comentou que haberá presenza doutras variedades sen D.O., caso do queixo de cabra e do queixo fresco, así como de produtos vinculados a este tipo de elaboración como o requeixo. O Mercado dos Queixos de Galicia contará coa participación de once produtores.

 

A concelleira de promoción Económica destacou o éxito que tivo o anterior mercado dos queixos, tanto entre o público como entre os produtores, e dixo que con el “poñemos en marcha unha iniciativa novidosa que consiste en traer un país invitado ou unha D.O. invitada, sempre co ánimo de sumar e non de restar”.

 

Mª Xosé Vega tamén falou do calendario dos mercados que se celebrarán nos próximos meses, comentando que está pechado ata o mes de xullo. Segundo explicou, a derradeira fin de semana deste mes de abril resérvase para un mercado que solicitou o CCU e que xirará sobre as Primeiras Comuñóns. Vega Buján dixo que este mercado estaba pendente da confirmación por parte da asociación de comerciantes.

 

No mes de maio haberá dous mercados, o de Plantón de Horta e Flor, os días 4 e 5, e o de Chacinaría, os días 18 e 19. En xuño celebrarase un mercado titulado Mundo Ovo, os días 8 e 9, que acollerá produtos relacionados con este alimento básico, e outro dedicado ó Pan, Empanadas e Doces, os días 22 e 23. En xullo desenvolverase o mercado Agroecolóxico, os días 6 e 7, e o mercado de Conservas Galegas, os días 13 e 14.

 

Mª Xosé Vega dixo que se traballaba na elaboración do calendario do segundo semestre, e valorou positivamente os mercados celebrados ata o momento “tanto polas vendas como polo propio espazo”, no que se refire ós produtores, como polo feito de que “achegan ó consumidor unha variedade de oferta sobre un mesmo produto que ás veces é difícil de atopar”, no que respecta á valoración do público.

 

 

 

 

Archivos Adjuntos: