Alcaldes e concelleiros lucenses únense en defensa da administración local

Medio cento de alcaldes e concelleiros pertencentes a 28 municipios lugueses asistiron á reunión convocada polo alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, para falar da situación que atravesan os pequenos concellos e para procurar medidas que solucionen a súa problemática.

 

A reunión pretendía ser un foro de análise no cal se fixera un enunciado dos problemas existentes e se propuxeran solucións para levar a cabo de maneira conxunta. O encontro de alcaldes e concelleiros foi moi dinámico, rexistrando numerosas intervencións sobre os diferentes problemas dos concellos e varias propostas na procura de solucións.

 

Desta primeira xuntanza xurdiron medidas como a creación dunha comisión, a elaboración conxunta dunha moción tipo que recolla a problemática dos concellos, dar traslado á Fegamp das inquedanzas do municipalismo lucense, ou facer partícipes desta iniciativa ós concellos doutras provincias galegas. Os cargos electos que asistiron á reunión de Monforte comprometéronse a manter unha segunda xuntanza que se celebrará, no prazo de dúas ou tres semanas, no concello chairego de A Pastoriza.

 

Concelleiros e alcaldes da provincia valoraron como necesaria e moi positiva a convocatoria desta reunión xa que “están en perigo os servizos que recibe a cidadanía”, ó tempo que lamentaron a ausencia de concelleiros do Partido Popular, segundo dixeron porque “os cidadáns que eles gobernan teñen os mesmos problemas ca os dos nosos concellos”.

 

As intervencións dos diferentes representantes dos concellos centráronse na reforma da administración local, na centralización de servizos sanitarios, de facenda ou xudiciais, na ausencia de reacción por parte da Fegamp, ou nos numerosos servizos impropios que presta a administración local con cargo ás arcas municipais.

 

Alcaldes e concelleiros consideraron a reunión celebrada en Monforte como “o inicio dun movemento importante para afrontar o continuado ataque á administración local”.