A concelleira de Promoción Económica, Mº Xosé Vega, presentou os mercados temáticos do vindeiro mes de agosto, mes no que estes mercados que se celebran na Praza de Abastos de Monforte estarán dedicados exclusivamente ós produtos da Ribeira Sacra.
Cada fin de semana procurarase que Mercados de Monforte sexa un escaparate do mellor da Ribeira Sacra, de maneira que as persoas que nos visiten poidan mercar os produtos da zona, produtos que non sempre son fáciles de atopar.
Os Mercados celebraranse tódalas fins de semana de agosto, sábado e domingo, en horario de mañá e tarde, de 10:30 h. a 14:30 h. e de 19:00 h. a 22:00 h. O horario de apertura vespertino adecúase así ós momentos en que a xente sai á rúa, despois das comidas familiares ou dos rigores do calor do verán.
Mª Xosé Vega dixo que a mellor maneira de celebrar o primeiro aniversario dos Mercados é prestando especial atención ós nosos produtos “aproveitando que agosto é un mes no que a Ribeira Sacra recibe a moitos visitantes e retornados”, engadiu. A concelleira falou do interese por mostrar o que se fai novo en Monforte e “por mostrar quen somos e o que producimos”.
Vega Buján comentou que xa se enviaran cartas ós 28 produtores e comercializadores da Ribeira Sacra que tiñan participado noutros Mercados, e que algúns deles xa solicitaran participar en todos ou en algúns dos Mercados de agosto, “aínda así agardamos contar con outros empresarios da Ribeira Sacra que se acheguen por vez primeira á experiencia dos mercados”, comentou.
Cada fin de semana haberá 16 postos dispoñibles de 2,10 m. de largo, e cada produtor ou comerciante poderá solicitar a súa participación no Mercado o número de fins de semana que desexe.
A organización seleccionará cada fin de semana un máximo de 16 participantes, intentando sempre que o tipo de produto á venda sexa o máis variado posible. Nesta selección terase en conta tanto a orde de solicitude como que os produtos non se repitan, de maneira que en cada mercado se poida contar cunha mostra o máis variada posible.
Os comerciantes que non sexan produtores só poderán comercializar produtos procedentes da Ribeira Sacra.
O 1 de agosto publicarase a lista de admitidos en cada fin de semana, na páxina web do Concello de Monforte www.monfortedelemos.es e na de Mercados deMonforte www.mercadosdemonforte.com, asemade comunicaráselle ós interesados por e.mail, telefonicamente ou por SMS.
Para solicitar a participación nestes mercados, a persoa interesada debe remitir un correo electrónico ó enderezo mercados@monfortedelemos.es, ou chamar ó 647961269 detallando os seguintes datos: nome comercial, tipo de produto, teléfono de contacto, enderezo e fin de semana no que quere participar.
As datas de celebración dos mercados de agosto son: 3 e 4 / 10 e 11 / 17 e 18 / 24 e 25.