O alcalde de Monforte chama á unidade de acción para lograr a declaración de Patrimonio da Humanidade

O alcalde de Monforte compareceu en rolda de prensa para falar do proceso para conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade.

 

Severino Rodríguez comezou recoñecendo o traballo dos presidentes das deputacións de Lugo e Ourense e agradecéndolles ter iniciado este proceso.

 

O rexedor monfortino dixo qué “lograr que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade é un obxectivo compartido de todos os que vivimos neste territorio das provincias de Lugo e Ourense. É un proxecto que a todos nos ilusiona e a todos nos convoca polo ben e o progreso da Ribeira Sacra”.

 

Severino Rodríguez destacou qué “conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade debe ser un punto de encontro e de unión, unha causa común para tódalas persoas da Ribeira Sacra e, por suposto, para os seus representantes políticos”.

 

As deputacións provinciais de Lugo e Ourense iniciaron este camiño acertadamente, “facendo un chamamento a todos os concellos do territorio e escenificando esa unión cunha xuntanza dos seus presidentes (un do PSOE e outro do PP) en Monforte, a capital da Ribeira Sacra”, sinalou.

 

O alcalde de Monforte dixo qué “a unidade de acción é fundamental para que este proxecto chegue a ser unha realidade, aínda que parece que hai algún grupo político que non o entende así”, engadindo qué “o obxectivo é lograr a declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra, non como un éxito dun partido político ou doutro, senón como o éxito dun esforzo e ilusión común. Para logralo, a premisa fundamental é a nosa unidade, o traballo conxunto dos concellos coas deputacións e a Xunta de Galicia”.

 

Severino Rodríguez tamén valorou a declaración de Patrimonio da Humanidade como “un proxecto estratéxico para a Ribeira Sacra, para a potenciación dos recursos económicos e empresariais e para a promoción do territorio”. O alcalde dixo que o proxecto en si mesmo debe entenderse como unha gran plataforma de proxección do territorio.

 

Obter esta declaración suporía potenciar os recursos turísticos e a imaxe da Ribeira Sacra entre os futuros visitantes, o que representaría un gran pulo para as iniciativas económicas locais e o reforzamento do noso tecido empresarial.

 

O alcalde dixo que “non hai lugar para a división, a disputa ou as actuacións particulares, e o protagonismo localista ou partidario en nada vai axudar a lograr o obxectivo común. Non hai lugar para competencias estériles, este é un tempo e un proxecto que unicamente a cooperación leal pode levar a bo porto”.

 

Severino Rodríguez comentou que, dende mañá e ata o sábado visitará Monforte o autobús que recolle firmas a favor desta declaración, situándose na rúa do Cardeal o mércores e o xoves, e na Compañía o venres e o sábado. O horario deste autobús será de 12:00 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h.

 

O alcalde animou a toda a cidadanía a que pase por ese autobús e firme en apoio da solicitude da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. “Tan importante ou máis que o traballo que se poida facer dende as institucións é o apoio decidido da cidadanía, o seu cariño e ilusión a prol desta declaración”.

 

“Que todo o mundo saiba que a súa sinatura, o seu apoio, é fundamental para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade”, dixo o alcalde, para engadir que estamos ante “un proceso exhaustivo, de moito traballo e difícil percorrido”.