Margarita Rodríguez Otero inaugurou a Feira do Libro

A XVII Feira do Libro de Monforte de Lemos foi inaugurada no día de onte co pregón da escritora monfortina Margarita Rodríguez Otero, quen estivo acompañada por autoridades locais e representantes da Federación de Libreiros e da Xunta de Galicia.

 

A presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, botou man de “Balbino”, protagonista da obra de Neira Vilas “Memorias dun Neno Labrego” para comparar as feiras do libro coas feiras tradicionais e concluír que “os libros teñen todo o que un poida imaxinar”.

 

A segunda intervención correspondeu á coordinadora da Área de Cultura da Xunta en Lugo, Iolanda Gómez, quen se referíu ós escritores/as e ás editoriais galegas, así como ás cinco feiras do libro que se celebran na provincia de Lugo, sinalando que “os libros son vitaminas para o cerebro”.

 

A tenente de alcalde de Monforte, Mª Xosé Vega, destacou que Monforte sempre foi e continúa sendo “unha cidade de artistas na que hai moito talento creativo en diversos apartados da cultura”. Destacou a creatividade no ámbito da escritura, lembrando a Lois Pereiro e salientando a figura da pregoeira, Margarita Rodríguez Otero.

 

Emocionada e agradecida por pregoar a Feira do Libro da súa cidade, Margarita Rodríguez Otero dixo que Monforte sempre foi unha cidade aberta e comentou que, sobre todo en tempos difíciles, “as institucións deben garantir o dereito á cultura das persoas menos favorecidas”. A pregoeira avogou por achegar os libros ós máis pequenos e ensalzou o seu gran valor “os libros teñen alma de seu e transpórtannos a calquera destino inimaxinable”, dixo.

 

A XVII Feira do Libro de Monforte de Lemos prolongarase ata o día 23 de agosto. Durante a mesma haberá diversas actividades para tódolos públicos e un 10% de desconto no prezo dos libros. Os horarios de apertura das casetas dos libreiros son de 11:00 a 14:00 h. polas mañás e de 18:00 a 22:00 h. polas tardes.

 

A Feira está organizada pola Federación de Libreiros de Galicia e o Concello de Monforte de Lemos e conta coa colaboración daVicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, e a Xunta de Galicia.

 

En documentos adxuntos poden escoitar o pregón e as intervencións no acto de inauguración, así como consultar o programa de actividades da XVII Feira do Libro de Monforte.