O Concello executará obras de mellora de pistas e camiños cun orzamento de 185.000 euros

O alcalde presentou obras de rexeneración do firme de pistas e camiños en diversas parroquias, actuacións que se van iniciar nas vindeiras datas con fondos do PEIM e tamén con fondos propios do Concello.

 

Severino Rodríguez dixo que a intención do goberno local é facer actuacións de mellora de infraestruturas en tódalas parroquias. Comentou que a brigada de obras municipal realiza arranxos puntuais a cotío, pero é preciso levar a cabo intervencións máis profundas en pistas e camiños que comunican núcleos das diferentes parroquias e incluso parroquias entre sí.

 

Hai uns meses o alcalde mantivo unha reunión cos pedáneos na que acordaron dar prioridade ás actuacións naquelas infraestruturas máis deterioradas.

 

O rexedor sinalou que cos remanentes de tesourería do ano 2013 xa se executaron obras en catro parroquias, manifestando que agora, con fondos do PEIM, realizaranse dezanove intervencións en doce parroquias.

 

Severino Rodríguez comentou que, para completar estas actuacións, levará ó próximo pleno unha proposta para executar obras en outras cinco parroquias. Tamén anunciou que co remanente de tesourería do 2014, que volverá ser positivo, levaranse a cabo obras de mellora nas seis parroquias restantes.

 

As actuacións con fondos do PEIM Rural ascenden á contía de 157.815 € e as que se realizarán con fondos propios teñen un orzamento de 27.235 €. Estas obras afectarán a pistas e camiños das parroquias de A Parte, Chao do Fabeiro, Fiolleda, Piñeira, A Vide, Distriz, Chavaga, Santa Mariña, Caneda, Vilamarín, Bascós, Sindrán, Moreda, Ribasaltas, As Fontes, e  A Penela.

 

As obras que se levarán a cabo dentro duns meses con cargo ó remanente de tesourería do 2014 realizaranse nas parroquias de Guntín, Gullade, San Xoán e San Xulian de Tor, Rozavales, e Baamorto. 

Archivos Adjuntos: