Aberto o prazo para participar no concurso de deseño de carteis das Festas Patronais 2018

Bota a andar o XXIII Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais. A  Xunta de Goberno local do Concello de Monforte xa aprobou as bases que rexerán esta nova edición, cuxo obxectivo é seleccionar o cartel anunciador dunha das citas culturais máis importantes da cidade.

 

“A procura do mellor cartel anunciador para as Festas Patronais será o punto de partida para conseguir a máxima promoción posible desta festividade, tanto en Monforte como noutras localidades”, indica o Alcalde, José Tomé Roca, “por iso, recorremos novamente á convocatoria deste concurso”.

 

As bases establecen que participarán as obras de creación propia, terán que ser orixinais e inéditas. Para a elaboración do cartel os artistas poderán empregar calquera tipo de técnica ou de formato. O único requisito é que sexan aptos para a reprodución mediante cuatricomía.

 

Outro dos aspectos recollidos nas bases é que os deseños deberán incluír o texto Monforte de Lemos Festas Patronais do 11 ó 16 de agosto 2018, que poderá distribuírse no cartel do xeito que elixa o autor ou autora do mesmo. Cómpre destacar tamén que as obras non poderán levar de xeito visible o nome do autor ou da autora.

 

Presentación dos traballos

 

A entrega dos orixinais farase de xeito persoal ou ben a través de correo no Rexistro Xeral do Concello. As obras deberán presentarse nun sobre asinado con pseudónimo, que irá acompañado doutro sobre pechado no que figurarán tódolos datos persoais. A data límite para presentalo é o 23 de maio e a decisión do xurado farase pública uns días despois, o 28 de maio.

 

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que “é interesante darlle a persoas do mundo da arte a oportunidade de participar nun concurso para decidir o cartel anunciador das Festas Patronais de Monforte. Con este sistema conseguimos que o cartel manteña o seu valor estético e informativo e, por outra parte, facemos que este logro forme parte do currículo da persoa que resulte gañadora”.

 

 

 

 

Criterios do xurado

 

Á hora de elixir o mellor traballo, o xurado terá en conta varios aspectos. En concreto, as bases establecen que a temática e relación coa cidade de Monforte e as súas festas, así como o deseño gráfico, serán os dous criterios fundamentais, posto que son os que máis peso van ter á hora de decidir o nome do gañador.

 

Por outra parte, os membros do xurado valorarán o tratamento das cores e tipo de letras, a calidade técnica e artística, o impacto visual, a creatividade e a orixinalidade no deseño da montaxe. O premio para o cartel gañador das Festas patronais será de 1.000 euros.

O cartel gañador, e tamén unha selección dos mellores traballos presentados, formarán parte dunha exposición que se fará na Casa da Cultura.