O Concello repartirá compostadores domésticos para reducir a cantidade de lixo nos fogares

O Concello de Monforte aposta por reducir a cantidade de lixo xerado na cidade, e para logralo, a administración municipal, en colaboración con SOGAMA, impulsará a compostaxe doméstica. En concreto, o Concello ten previsto distribuír entre os fogares da zona urbana de Monforte 25 compostadores domésticos; cada un deles terá unha capacidade de 350 litros.

 

O Alcalde, José Tomé, explica que “a pretensión é reducir a xeración de residuos, posto  que a fracción orgánica, é dicir, os restos de comida que se orixina nas nosas vivendas, constitúe case a metade do contido da nosa bolsa do lixo. Se producimos compost, isto tradúcese na redución do lixo que se transporta e deposita nos vertedoiros”.

 

O rexedor engade que con esta actuación “aportamos o noso gran de area para entregar a Sogama unha cantidade de lixo inferior, o que se traduce tamén nunha diminución do importe da factura a pagar a esta empresa pública”.

 

Para iso, a partir de mañá, o Concello abre un prazo para confeccionar unha lista de veciños interesados en acceder ó programa de compostaxe dos residuos orgánicos e, deste xeito, poder conseguir, sen ningún coste, un compostador: “as persoas interesadas terán que dirixirse ó Rexistro Xeral do Concello e solicitar o modelo de instancia a cubrir, que tamén se poderá descargar a través da páxina web”, explica o mandatario local.

 

O prazo para presentar a solicitude estará aberto ata o vindeiro 14 de maio.  As persoas que accedan ó programa de compostaxe deberán realizar un cursillo específico impartido por técnicos, e ademais, disporán dun servizo de asesoría permanente para resolver as dúbidas. Para recibir máis información, poden contactar co técnico municipal de Medio Ambiente no teléfono 628 115 309.

Archivos Adjuntos: