A Piscina Municipal de Monforte funciona con normalidade tras a rescisión do contrato con Alacer

Monforte de Lemos, 5 de novembro de 2020. Unha semana despois de que o Pleno da Corporación do Concello de Monforte acordara a rescisión do contrato entre o Concello de Monforte e a empresa Alacer Ocio y Deporte S.L. para a xestión da Piscina Climatizada Municipal, o Alcalde, José Tomé Roca, informa  de que “os servizos nesta instalación estanse a prestar con total normalidade por parte da empresa pública Tragsatec dende o martes día 27 de outubro”.

O Concello de Monforte fixo un encargo á empresa pública Tragsatec para que se fixera cargo do servizo dende o martes 27 de outubro por un período de tempo de 6 meses, prorrogables mensualmente se fose necesario, ata que se resolva un novo concurso ou o que se decida en torno á xestión da piscina.

Durante a semana que leva Tragsatec a cargo da Piscina Municipal fóronse adaptando todos os aspectos de carácter administrativo, entre outros, que afectan á nova situación.

“É por iso que dende o Equipo de Goberno queremos informar a tódolos usuarios da Piscina Municipal que a partir de agora será o Concello de Monforte o que cobre directamente os recibos aos abonados polos servizos prestados nas instalacións, e non a empresa que presta o servizo”, anuncia o Alcalde.

Así, a cada unha das persoas abonadas, o Concello de Monforte pasaralle a cobro un recibo, en función da modalidade de abono que teña cada un, en concepto da taxa pola utilización da Piscina Municipal.

Do mesmo xeito, e ó ser o Concello de Monforte o que cobra directamente a taxa pola prestación dos servizos, as tarifas establecidas cobraranse sen aplicarlle o IVE correspondente do 21 % dado que, segundo o artigo 7.8 da Ley 37/1992, de 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, se establece que non están suxeitas ao imposto as entregas de bens e prestacións de servizos realizadas directamente polas Administracións Públicas sen contraprestación ou mediante contraprestación de natureza tributaria.

Esta situación (o cobro da taxa sen a aplicación do IVE)  terá unha natureza temporal en tanto non se adxudique un novo contrato de xestión e explotación da Piscina Municipal que, no momento que se produza, ás tarifas que pase a cobrar o novo adxudicatario aplicaráselle o IVE correspondente de igual xeito que se veu facendo ata agora.

“Dende o Concello de Monforte”, conclúe o Alcalde, “animamos  a toda a cidadanía a facer uso dos servizos que se prestan na instalación dado que estes se están a prestar nun ambiente totalmente seguro e no que se aplican medidas e protocolos contra o contaxio pola COVID-19”.