O Apalpador visitará Monforte na mañá do xoves 24 de decembro

Monforte de Lemos, 21 de decembro de 2020. O vindeiro xoves 24 de decembro pola mañá Monforte de Lemos recibirá a visita do Apalpador, que percorrerá as rúas da cidade e a zona de mercados da praza de Abastos.

O Apalpador, mítico personaxe da tradición popular galega, naceu no Courel, baixa cada ano das montañas polas festas do Nadal. Grandullón, bo, de mirada doce e longas barbas coloradas, durante o ano fabrica carbón, vive dos froitos silvestres, da caza de xabaríns, recolle mel e fai aparecer coas ramas dos bosques os xoguetes que as madeiras esconden.

O maña do 24 de decembro pola mañá percorrerá, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, as rúas da cidade de Monforte, para apalpar as barrigas dos máis pequenos da casa.

 

Mañá remata o prazo para anotarse no Concurso de Decoración de Nadal e Escaparatismo

Neste Concurso de Decoración do Nadal e Escaparatismo hai 3 modalidades de participación:

  • Decoración do escaparate e do interior de establecementos comerciais, no que poderán participar todos os comercios e negocios ubicados no termo municipal de Monforte.
  • A segunda modalidade do concurso está dirixida á hostalería, e nela valorarase en conxunto a mellor entrada, interior e ventanais do establecemento participante. E tamén poderán participar todos os negocios hostaleiros do Concello.
  • A terceira modalidade está adicada ás vivendas. Neste caso hai 3 opcións:
    • A comunidade de veciños dun edificio, no que deberán decorar as entradas principais do seus edificios, e que esas decoracións sexan totalmente visibles dende a vía pública.
    • Balcóns e ventás de edificios de Monforte, que deberán ser visibles tamén dende a vía pública.
    • E finalmente as vivendas unifamiliares, no que poderán participar os residentes de calquera vivenda unifamiliar ubicada en Monforte, que decoren as súas vivendas e/ou xardíns de modo que esta decoración sexa totalmente visibles dende a vía pública.

Para participar nas diferentes modalidades descritas, os interesados poderán inscribirse ata mañá día 22 de decembro de 2020, utilizando o modelo normalizado, que poden presentar tanto no Rexistro do Concello como a través da Sede Electrónica, por vía telemática.

Ademais, no momento da inscrición deberán aportar 5 fotografías nas que se poida visualizar a decoración realizada, para a posterior valoración polo xurado.

Neste senso, a decoración deberá estar exposta como mínimo dende o día 22 de decembro ata o día 7 de xaneiro de 2021.

Os requisitos fundamentais para participar nas diferentes modalidades deste concurso son que as decoracións e adornos teñen que ser típicos de Nadal, e a zona elixida para ser decorada ten que ser totalmente visible dende a vía pública.

Para as diferentes modalidade deste I Concurso de Decoración do Nadal e Escaparatismo destinaranse 5.000 euros en premios e axudas.

En concreto, para as categorías de Comercio e Hostalería estableceranse 3 premios, para cada unha delas: un 1º premio de 300 euros, un 2º de 200 € e un 3º de 100 €.

No caso das vivendas, para as Comunidades de Veciños os premios serán tamén dun 1º premio de 300 euros, un 2º de 200 € e un 3º de 100 €.

E no caso de balcóns e ventás, así como vivendas unifamiliares, en cada unha destas dúas modalidades establecemos un 1º premio de 200 €, un 2º de 100 € e un 3º de 50 euros.

Ademais, entre todos os participantes nas diferentes modalidades, excepto os xa gañadores, sortearanse un total de 25 lotes de bonos por un importe de 100 euros cada lote (cada lote inclúe 4 bonos de 25 €). Estes bonos poderán ser trocados nalgún dos establecementos da hostalería abertos ó público no Concello de Monforte.

 Estes bonos deberán consumirse como data límite o 31 de marzo de 2021, en calquera dos establecementos da hostalería do concello de Monforte de Lemos.

Tanto o fallo do xurado para elixir ós gañadores deste concurso, así coma o sorteo público dos 25 bonos de 100 euros terán lugar o día 30 de decembro.