O Concello destina 20.000€ en axudas ó transporte do alumnado universitario e de ciclos de formación, 6.000€ máis que no pasado ano

Monforte de Lemos, 1 de outubro de 2021. O Concello de Monforte informa que, dende hoxe venres 1 de outubro, está aberto o prazo de presentación de solicitudes para as axudas ó transporte de estudantes universitarios e de ciclos de formación, logo da publicación onte das bases que regulan estas axudas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo. Do mesmo xeito, o prazo de presentación destas axudas rematará o 29 de outubro de 2021.

En concreto, pode optar a estas axudas para os gastos de transporte público ás distintas universidades o alumnado universitario empadroado no Concello de Monforte, así como o alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teñan que desprazarse fóra do Concello de Monforte, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido neste municipio, ou non ter obtido praza na oferta local no curso.

Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, indica que “con esta liña de axudas, que incrementamos en 6.000 euros con respecto ó mesmo período do ano anterior, dende o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade. O noso compromiso coas políticas sociais é firme, e neste caso, somos conscientes das necesidades que os nosos estudantes teñen á hora de desprazarse fora dos seus fogares e da súa cidade”.

Deste xeito, o Equipo de Goberno do Concello fixou a contía destas axudas en 20.000 €, para os gastos de transporte do curso 2021/2022, en concreto, do período establecido entre setembro do 2021 e ata xullo do 2022.

En relación co ámbito educativo, o Concello tamén dispuxo nas pasadas semanas unha liña de axudas de case 24.000 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario.

 

Beneficiarios

Poderán optar a estas axudas:

  1. Alumnado de ensinanzas universitarias adaptadas ao Espazo Europeo de Educación Superior conducentes a títulos oficiais de Grao e ensinanzas universitarias conducentes a títulos de Licenciados ou Diplomados, empadroado no concello de Monforte de Lemos.
  2. Alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e bacharelato empadroado no Concello de Monforte de Lemos que teña que desprazarse fóra do termo municipal, por non existir oferta do ciclo formativo neste municipio ou non ter obtido praza na oferta local no curso. 
  3. No caso dos menores se entenderá como beneficiario o pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a.

 

Requisitos para optar ás axudas ó transporte

Os interesados en participar no presente concurso, deberán xustificar documentalmente a concorrencia dos seguintes requisitos:

1. Estar empadroados no Concello de Monforte no período inmediatamente anterior á presentación da solicitude.

2. Demostrar documentalmente estar matriculado no curso 2020/2021 para os solicitantes da subvención en calquera universidade, ciclo de formación ou bacharelato.

3. Estar ó corrente das súas obrigas tributarias (Administración Estatal, Autonómica e Local) e coa seguridade social, na data de presentación da solicitude para o que deberán presentar declaración xurada.

4. Non estar incurso en ningunha das prohibicións da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.

Os solicitantes deberán reunir todos os requisitos fixados a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Estas axudas serán compatibles coas concedidas por outras administracións ou entidades privadas sempre e cando o importe total das axudas non supere o gasto total.

Para a determinación do importe da subvención, terase en conta a renda per cápita anual e a situación laboral dos membros da unidade familiar.

En función destes criterios, cada solicitante poderá optar a axudas que van dende os 200 ata os 600 euros.

 

Solicitude e documentación a presentar

As instancias para participar neste concurso atópanse a disposición dos interesados na páxina web municipal, http://www.monfortedelemos.es/gl/axudas/, e na Base de Datos Nacional de Subvencións.

Ditas solicitudes poderán presentarse no rexistro xeral do Concello ou, no seu caso, nos rexistros e oficinas a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e de Procedemento Administrativo Común, dende a publicación da convocatoria no BOP e ata o 30 de outubro de 2020.

A esta solicitude deberá achegarse a documentación pola orde que se sinala a continuación:

  1. Solicitude de axuda para o transporte para o que se pida a subvención .
  2. Fotocopia do DNI do solicitante e do alumno no caso de que o alumno sexa menor de idade.
  3. Libro de Familia no caso de solicitarse a axuda para un menor de idade.
  4. Fotocopia de matrícula universitaria, matrícula do ciclo de formación ou bacharelato para o curso 2020/2021.
  5. Fotocopia da condición de discapacitado dos membros da unidade familiar, recoñecidos pola administración competente, de ser o caso.
  6. Certificado de Empadroamento colectivo da unidade familiar.
  7. Fotocopiada declaración da renda correspondente ao exercicio 2019 dos membros da unidade familiar que estivesen obrigados a iso, ou na súa falta, certificación negativa de non realizar dita declaración expedida pola Delegación de Facenda.
  8. No caso de que existise situación de desemprego, certificación de alta como desempregado expedida polo organismo competente e se se estivese recibindo unha pensión en calquera das súas modalidades (xubilación, viuvez, invalidez, etc.), certificación expedida pola Tesouraría da Seguridade Social.
  9. Declaración xurada do solicitante de que se atopa ao corrente nas obrigas tributarias (Administración Estatal, Autonómica e Local) e da Seguridade Social.
  10. Certificado dos datos bancarios do beneficiario (expedido pola entidade bancaria).

 

Bases

Publicación no BOP