O Alcalde anuncia o inicio das obras de renovación do terreo de xogo do Campo municipal de fútbol da Pinguela

Monforte de Lemos, 31 de maio de 2022. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de anunciar o inicio a partir de mañá mércores 1 de xuño das obras de renovación do terreo de xogo do Campo municipal de fútbol da Pinguela.  

Este proxecto de mellora enmárcase dentro das actuacións en instalacións deportivas do Concello anunciadas hai uns días polo Alcalde,  que tamén abordarán a mellora do  Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, e que contarán cun investimento total de máis de 180.000€.

José Tomé Roca destaca que “é a primeira vez que se fai este tipo de actuación no Campo da Pinguela dende a súa inauguración no ano 1999, motivo polo cal dende o Equipo de Goberno consideramos moi necesario levar a cabo esta actuación, co obxectivo de mellorar significativamente estas instalacións e os servizos que nela ofertamos”.

En concreto, dende mañá mércores 1 de xuño desenvolverase a primeira das tres actuacións previstas para a mellora desta instalación deportiva da Pinguela, que consistirá na renovación total do terreo de xogo  para o que será necesario retirar a cuberta vexetal de toda a superficie de céspede instalada actualmente, para posteriormente realizar un sementado en toda a superficie. O Concello tamén ten proxectado para este campo unha mellora da súa iluminación así como a instalación dun novo vídeomarcador, actuacións que está previsto que se leven a cabo ó longo deste ano 2022.

A empresa encargada de realizar a obra no Campo municipal da Pinguela é “Calfensa Proyectos S.L.” e conta cun orzamento de 48.309,25 €.

O Alcalde tamén informou de que “por seguridade, e mentres duren estas obras de mellora, as Pistas Municipais de Atletismo así como o resto da instalación permanecerán pechadas ao público. Estimamos que os traballos de execución desta obra duren uns 21 días”.

Mellora do terreo de xogo do Campo municipal da Pinguela

As actuacións a realizar divídense nos seguintes apartados:

1.  Traballos previos:

  • Levantamento topográfico: estudos preliminares e replanteos.
  • Desmontaxe de porterias para posterior colocación.
  • Desmontaxe do sistema de rego para posterior colocación.

2.  Movemento de terras:

  • Retirada da cuberta vexetal do terreo a unha profundidade de 3,5 – 4 cm.
  • Descompactación do terreo a unha profundidade de 15 – 20 cm.

3.  Capa de enraizamento:

  • Suministro, extendido, nivelación e compactación de area 0,1 – 2,5 mm de natureza silícea, para formación de capa de enraizamento.

4.  Preparación do terreo e sembra:

  • Preparación, laboreo, compactación e nivelación superficial do terreo.
  • Semente de fórmula específica de céspede para a práctica deportiva.
  • Aboado de fondo e de cobertura.
  • Tratamento necesario con productos fitosanitarios.
  • Replanteo e pintado das liñas do terreo de xogo.