O Alcalde pon en valor o traballo desenvolto polos alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego “Arquivo Dixital-TIC’s” que rematou hoxe na Pinguela

Monforte de Lemos, 14 de xullo de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou ós 20 alumnos e alumnas que participan no Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital-TIC, que se celebrou dende o mes de outubro de 2021 nas instalacións da Escola Taller da Pinguela, rehabilitada nos dous obradoiros de emprego municipais anteriores, e que pasou a ser o lugar de traballo dos novos obradoiros desenvoltos polo Concello.

Na visita, o Alcalde estivo acompañado polo director do obradoiro, pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o concelleiro de Servizos, José Luís Losada. O obradoiro, que contou cun orzamento próximo ó medio millón de euros, estivo promovido polo Concello de Monforte e subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade, e a propia administración municipal.  

O rexedor municipal apuntou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 9 meses, pois o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”.

En concreto, os alumnos recibiron formación teórica-práctica na especialidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e aqueles que finalicen con éxito a formación obterán o certificado de profesionalidade nesta especialidade. O seu obxectivo foi dixitalizar, informatizar e automatizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando e dando a coñecer o arquivo histórico deste Concello, mediante a aplicación das TIC`s e impulsando a administración electrónica.

José Tomé Roca, agradeceu ós alumnos o traballo efectuado, e felicitounos xa que entre as actividades desenvoltas, “dixitalizaron todos os libros cedidos ó Concello por Jose Luís Montero, coleccionista e investigador monfortino, cumprindo así a vontade daquel cando cedeu a súa colección e o compromiso adquirido polo Concello de levar a cabo dita dixitalización no transcurso deste obradoiro”.

Ademais da dixitalización das obras cedidas por Montero, os alumnos tamén levaron a cabo traballos relacionados coa xestión documental do Arquivo Municipal, así como outra documentación local, fotográfica e bibliográfica sobre temas referidos á cultura e á historia monfortinas. As tarefas desenvoltas incluíron a captura dos documentos orixinais e a súa edición e implementación de metadatos coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental do Concello de Monforte de Lemos.

José Tomé recordou ademais que “dende  Concello convocamos hai uns días unha liña axudas de 1.500 euros co obxecto de incentivar a contratación por parte de empresas de alumnos e alumnas deste módulo, e o prazo para solicitar ditas axudas remata o vindeiro 18 de xullo. Deste xeito, dende o Equipo de Goberno do Concello, dentro das nosas políticas sociais e económicas, seguimos fomentando a creación de emprego, e neste caso, para facilitar a incorporación ó mercado laboral deste alumnos”.

O Alcalde tamén subliñou que os obradoiros de emprego son moi positivos “posto que axudan ós Concellos a levar a cabo proxectos que, sen este mecanismo, sería moi difícil de podelos levar á práctica. Ademais, fomentan o emprendemento”.

Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado.

O obxectivo final é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar, logo da súa formación no obradoiro de emprego.