O Concello informa do inicio mañá xoves 21 das obras de reparación da Ponte de madeira do Malecón

Monforte de Lemos, 20 de xullo de 2022. O Concello de Monforte informa que dende mañá xoves 21 de xullo, comezarán os traballos de reparación e mellora da Ponte de madeira do Malecón, polo que, dende as 9 da mañá quedará pechada ó tránsito de persoas.

Tal e como anunciara a principios do mes de xuño o Alcalde, José Tomé Roca, o Concello acomete a reparación desta Ponte de madeira sobre o río Cabe, que se sitúa entre a rúa Santa Clara e o Paseo do Malecón, “debido ó estado actual de conservación da Ponte, na que é necesario actuar en algunhas zonas deterioradas, especialmente as ferraxes de aceiro galvanizado situadas baixo o taboleiro e os acabados da madeira, que están en estado regular.”

A Ponte que foi construída en madeira laminada e colocada no ano 1.999, fai case 23 anos. A súa lonxitude total é de 36 metros e posúe un dobre arco lateral con taboleiro central. Cada un dos arcos laterais está formado, á súa vez, por outros dous unidos transversalmente.

Así, o rexedor monfortino indicou que, “dado o tempo transcorrido dende a súa construción e vista as necesidades de mantemento que presenta, decidimos actuar para mellorar esta Ponte, co dobre obxectivo de evitar que se siga deteriorando a madeira e de garantir a seguridade das persoas que pola Ponte transitan todos os días”.

As obras que se realizarán a partir de mañá para levar a cabo a reparación desta Ponte de madeira sobre o río Cabe consistirán na:

  • Comprobación e reparación dos elementos de unión das vigas, para subsanar o estado de oxidación dos elementos metálicos.
  • Limpeza, lixado e lasurado de todas as pezas de madeira da Ponte.
  • Reparación de grietas existentes nalgunhas pezas, coa aplicación de resina epoxi.

Para esta actuación de mellora da Ponte do Malecón, o Concello destinou un orzamento de 48.387,90 euros.