O Alcalde recibe no Parador de Monforte ós participantes das XLIII Xornadas Nacionais de Patrimonio Cultural da Igrexa

Monforte de Lemos, 4 de xullo de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu este mércores, no Parador Nacional de Turismo de Monforte de Lemos, ós integrantes que participaron na terceira xornada de Patrimonio Nacional da Igrexa, trala súa visita a varias localizacións da Ribeira Sacra e ós principais monumentos históricos da capital da Ribeira Sacra.

O encontro, organizado pola Subcomisión Episcopal para o Patrimonio Cultural, congregou a especialistas e representantes tanto eclesiásticos como civís, que durante os catro días nos que se desenvolveu, contemplou visitas á catedral de Lugo, Portomarín, diversas zonas da Ribeira Sacra, Chantada e Monforte de Lemos.

O programa combinou conferencias, mesas redondas, e visitas guiadas co obxectivo de fomentar o diálogo e o intercambio de experiencias entre expertos e xestores do patrimonio, prestando especial atención ó fenómeno da peregrinación. Así mesmo, con motivo da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco, púxose de relieve o seu extraordinario legado románico.

A xornada do mércores adicada íntegramente á Ribeira Sacra, combinou conferencias con visitas guiadas, á adega Via Romana, ó albergue e igrexa románica de Diamondi e ós principais monumentos históricos de Monforte de Lemos, igrexa Nuestra Señora de la Antigua, Museo de Arte Sacro das Clarisas de Monforte de Lemos e Visita a San Vicente do Pino.

Ó remate da xornada, o Alcalde de Monforte acompañado polo Director do Secretariado da Subcomisión Episcopal para o Patrimonio Cultural, D. Pablo Delclaux de Muller, quixo saudar e dar a benvida ós participantes do encontro, que viñan enormemente sorprendidos da beleza e riqueza tanto patrimonial como paisaxística da Ribeira Sacra.

José Tomé quíxolles transmitir o honor que representou para él poder dirixirse a eles como representante tanto da Deputación de Lugo como do Concello de Monforte, institucións firmemente comprometidas coa protección e posta en valor do patrimonio histórico, artístico e cultural da Provincia de Lugo.

Seguidamente, puxo en valor a riqueza monumental íntimamente ligada á paisaxe, que xustifican que a Ribeira Sacra aspire a ser recoñecida como Patrimonio Mundial pola UNESCO e transmitiulles o traballo que se está a facer dende a Deputación Provincial para proxectar ese valor dentro e fora das nosas fronteiras coa incorporación á Ruta Transrománica, itinerario cultural do Consello de Europa.

José Tomé, tamén lles quixo transmitir ós participantes do evento, a importancia da cooperación entre administracións, profesionais do patrimonio e entidades sociais, para conservar o que somos e proxectalo cara o futuro, poñendo en valor a importancia de sumar esforzos tal e como confirman a celebración destas xornadas.