O Alcalde informa da adxudicación do contrato para a xestión do Conxunto Deportivo de A Pinguela

Monforte de Lemos, 9 de setembro de 2025. A Xunta de Goberno do Concello de Monforte, aprobou onte luns, 8 de setembro, a adxudicación do contrato de servizos de actividades deportivas e outros servizos auxiliares no Complexo Deportivo de A Pinguela. Trala reunión, o Alcalde, José Tomé Roca, deu a coñecer que a empresa adxudicataria é Ideas de Bolina S.L.., que foi a que presentou a proposta mellor valorada pola mesa de contratación.

O contrato adxudicouse por un importe de 1.380.000 euros, concretamente 1.383.821,95 euros, e terá unha duración de dous anos, prorrogables ata un máximo total de catro.

O obxeto deste contrato é proporcionar os diferentes servizos ás instalacións do Complexo Deportivo de A Pinguela, que leva experimentado unha profunda renovación nosúltimos anos coa reforma integral do pabellón polideportivo, as pistas de tenis e a piscina municipal, pendente esta última da reapertura que se producirá en breve prazo.

Esta transformación acompáñase da remodelación do espazo de estacionamento, incluída a iluminación, e da accesibilidade ao complexo coas melloras na rúa Sober. “Esta actuación enmárcase dentro do meu compromiso como Alcalde de transformar e de mellorar o Concello de Monforte, tal e como vimos demostrando ao longo destes anos de Goberno”, destacou o rexedor.

 

Servizos e persoal

Os servizos incluídos neste contrato engloban a xestión das instalacións do polideportivo e da piscina municipal, que trala reforma integral de ambas infraestruturas, farase de forma conxunta.

De tal xeito, a adxudicataria desempeñará as funcións de dirección técnica, recepción de usuarios, socorrismo, ensinanza deportiva, mantemento e limpeza, para un correcto desenvolvemento das actividades e atención aos usuarios.

No que se refire ao persoal, a empresa adxudicataria contratará aos mesmos traballadores que formaban o cadro de persoal antes do inicio das obras da piscina municipal, nas mesmas categorías e condicións laborais, xa que foi un compromiso que adquiriu o Alcalde, José Tomé, cos traballadores.   

 

Reforma integral

O Alcalde, José Tomé, recorda que a remodelación integral deste conxunto deportivo supón unha inversión global de arredor de 6 millóns de euros que convertirá este espazo “nun referente  a nivel de equipamento e instalacións deportivas, cunha imaxe atractiva e contemporánea, á disposición dos veciños, veciñas e deportistas”.

Neste senso, o rexedor pon en valor a completa renovación do edificio da piscina municipal, da que so quedou en pé a estrutura. A remodelación interior é total cunha reorganización de espazos no conxunto do edificio desde a zona de acceso, facendo percorridos máis eficientes e estancias máis amplas, como a cafetería, que trasladouse á zona do anterior ximnasio eliminando a entreplanta e dando servizo tanto a piscina como ao pavillón. A reforma dotou esta infraestrutura de vasos renovados, novas gradas con máis aforo, vestiarios adaptados e un ximnasio máis amplo. Executáronse tamén actuacións de eficiencia enerxética coa mellora da envolvente térmica do edificio que, no seu conxunto externo, garda plena sintonía co tamén remodelado pavillón polideportivo.