Monforte acolle o domingo, 23 de setembro, a derradeira etapa da Volta Ciclista a Galicia

19 de setembro de 2018. Monforte acolle o domingo, 23 de setembro, a 4ª e derradeira etapa da 17ª Volta Ciclista a Galicia. A saída será ás 10 horas dende a Praza da Compañía e a chegada está prevista ó mesmo lugar, sobre as 13:30 horas. A etapa percorrerá as rúas Cardenal, Chantada, a Ronda María Emilia Casas Baamonde, Doctor Casares, Morín e Ribasaltas.

Trala chegada, ás 14 horas, realizarase a entrega de premios ós gañadores das diferentes clasificacións dende un escenario ubicado diante das Casitas da Compañía.

O Alcalde, José Tomé, destaca a importancia de acoller eventos deste tipo “posto moven moitos espectadores, o que repercutirá de xeito moi positivo no comercio e a hostalería. Ademais, axudan a promocionar Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra”.

O rexedor destaca que “como Alcalde da cidade, quero manifestar a nosa satisfacción polo feito de acoller, por segundo ano consecutivo, unha proba deportiva dunha envergadura como esta, que acumula un elevado número de seguidores”.

José Tomé engade que “como xa demostramos o pasado ano, estou convencido de que novamente os monfortinos e monfortinas daremos a benvida, como eles merecen, a todos os ciclistas, e tamén lles transmitiremos os nosos mellores ánimos”.

Por outra parte, o mandatario local apunta que “estamos ultimando tódolos detalles para vivir unha xornada inesquecible e para que nosa cidade presente a súa mellor imaxe. A presencia da Volta Ciclista a Galicia en Monforte suporá tamén unha magnífica oportunidade para que sexamos partícipes de valores tan importantes e necesarios que leva intrínsecos este deporte, como son o compañeirismo, a constancia, o esforzo e o afán de superación”.

 

O Alcalde presenta os detalles da etapa por Monforte acompañado do Técnico Municipal de Deportes

“O potencial de audiencia da Volta Ciclista a Galicia será un escenario inmellorable para difundir a riqueza paisaxística, cultural e monumental de Monforte e de toda a Ribeira Sacra. Animo a todos os que o desexen, que aproveiten o evento deportivo para visitarnos”, subliña o Alcalde.

A celebración do evento obrigará a cortar o estacionamento do Parque dos Condes dende o sábado ás 20 horas, ata o domingo ás 16 horas, aproximadamente. Esta zona vaise destinar ó estacionamento dos vehículos dos equipos da Volta Ciclista

Tódolos detalles da 4º etapa da XVII Volta Ciclista a Galicia ó seu paso por Monforte poden consultarse na web da Federación Galega de Ciclismo http://www.voltagalicia.com/etapa/ano-2018/etapa-4