O Alcalde e a Subdelegada do Goberno informan que a busca de Carlos Yáñez se reforza este xoves, 30 de agosto, con drons e coas Unidades Caninas e de Cabalería da Policía Nacional; entre outros efectivos

28 de agosto de 2018. O Concello de Monforte e a Subdelegación do Goberno en Lugo informan que este xoves, 30 de agosto, vaise levar adiante unha nova batida no marco do dispositivo de busca de Carlos Yáñez, Misi; uns traballos cos que se reforzará o intenso labor que dende a súa desaparición, o pasado 4 de agosto, vén realizando xa a Policía Nacional.

En concreto, e tal e como se avanzara na reunión extraordinaria da Xunta Local de Seguridade do pasado 17 de agosto, este novo dispositivo estará integrado pola Unidade Especial de Guías Caninos da Policía Nacional, que se vai desprazar dende Madrid; por axentes a cabalo da Policía Nacional; pola Unidade de Drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA); polos bombeiros do Parque Comarcal así como polo persoal de Servizos á Cidadanía do Concello de Monforte. Tamén participarán axentes da Policía Nacional e da Policía Local.

Este novo dispositivo de busca estará coordinado, en todo momento, pola Policía Nacional e vai permitir chegar a zonas de difícil acceso.

O Alcalde, José Tomé, e a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacan que “os traballos para intentar localizar a Carlos Yáñez estiveron activos dende o pasado 4 de agosto, pero agora, queremos intensificalos coa posta en marcha de novos efectivos. O que temos claro é que queremos esgotar tódalas posibilidades e, por iso, dende o Concello e a Subdelegación do Goberno en Lugo mantemos unha comunicación permanente dende o primeiro momento. O que temos claro é a nosa vontade de que por medios a disposición para atopar a Misi non vai quedar”.

Tomé e Rodríguez engaden que “o que pretendemos é inspeccionar as posibles rutas que Carlos puido seguir dende a cidade ata as instalacións de PRODEME, ó longo dun radio de aproximadamente, 3 quilómetros, o que supón un amplo perímetro de busca. Quizais puido desorientarse durante o percorrido e queremos analizar tódalas posibles rutas neste traxecto”.

 

           

Detalles da nova batida

 

Os efectivos de busca vanse organizar en 10 equipos para poder cubrir todo o territorio que se vai inspeccionar e que será unha ampla zona na contorna das instalacións de PRODEME. En concreto, irá dende o casco urbano de Monforte, pasando por Ribasaltas, As Barrioncas, As Lamas, a zona de acceso ás parroquias de Chao do Fabeiro, Baamorto, Seoane e A Vide.

 

Este amplo territorio vaise dividir en 10 zonas de traballo, e cada un dos equipos encargarase de peitear, exhaustivamente, estes espazos delimitados previamente.

Os cabalos, os cans e os drons empregaranse para acceder ás zonas máis boscosas e de difícil acceso. O dispositivo comezará os traballos a primeira hora da mañá do xoves, previsiblemente, a partir das 9 horas.

 

Busca por terra, aire e auga

 

O Concello de Monforte e a Subdelegación do Goberno en Lugo deciden poñer en marcha esta nova batida ante a falta de resultados tralo intenso traballo que se viu realizando durante estes días.

 

Cómpre lembrar que membros do Grupo Especial de Actividades Acuáticas (GEAS), que depende da Garda Civil inspeccionaron xa as augas do río, e do canal. A maiores, un helicóptero da Policía Nacional inspeccionou Monforte e os seus arredores.

 

O Alcalde, José Tomé, e a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, manifestan o seu desexo de que “con todo este reforzo do operativo oxalá consigamos algún resultado. Á intensa busca por terra, auga e aire, engadimos agora un novo dispositivo co que confiamos obter algún resultado”.