12 de decembro de 2018. O Alcalde, José Tomé, reuniuse onte pola tarde en Madrid co Secretario Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, Javier Izquierdo. O mandatario local acudiu acompañado polo Alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e do Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.
O encontro entre os líderes políticos serviu para analizar o estado no que se atopan varios proxectos relevantes para o municipio: a variante ferroviaria no marco de mellora da liña Lugo-Ourense, o Corredor de Mercadorías do Atlántico, a A-76 e a variante urbana de Monforte.
Polo que respecta á variante ferroviaria, o Ministerio de Fomento está en proceso de redacción do estudio informativo e, dentro de pouco tempo, comunicaráselle ó Alcalde o horizonte de exposición do documento ó publico. José Tomé afirma que “o Secretario de Infraestruturas manifestou a vontade que ten o Ministerio de Fomento para acelerar estes pasos o máximo posible”.
En relación ó corredor de mercadorías do Atlántico, o Ministerio está traballando no Plan Director para poder acometer as obras de mellora dende Palencia cara Galicia. Deste xeito, “o obxectivo é estar en condicións de poder acceder ós Fondos Europeos 2020-2030 no momento no que se abra o prazo de solicitude”, puntualizou José Tomé.
No caso da A-76, o Ministerio de Fomento quere licitar, o antes posible, o primeiro dos treitos desta autovía. Concretamente, será algún dos tres tramos da contorna de Valdeorras. A vontade é facelo ó longo do 2019 para consolidar o estudio informativo do conxunto da obra e evitar, deste xeito, a súa posible prescrición. Os treitos serían: O Barco - Veiga de Cascallá, Requejo - A Veiga e Vilamartín – Requejo.
Polo que respecta á variante urbana de Monforte, o Alcalde apuntou que “nestes momentos estanse desenvolvemento os traballos de elaboración do proxecto”. Durante o encontro co Secretario Xeral de Infraestruturas, José Tomé insistiu na importancia que ten para a cidade do Cabe unir a Ronda Urbana, dende a rotonda da estrada de Ourense, ata a Nacional 120. O Alcalde trasladoulle a Javier Izquierdo que, tal e como solicitou ó Concello, estase traballando nas modificacións administrativas que son necesarias realizar no convenio do ano 1995, a través dunha adenda. Deste xeito, o Ministerio de Fomento poderase encargar das expropiacións dos terreos”.
José Tomé destacou que “comprometinme co Secretario Xeral de Infraestruturas a estar en contacto ó longo dos vindeiros días para saber como avanzan estes proxectos que xa están en marcha. Queremos que se vaian desenvolvendo sen ningún tipo de inconveniente, para que sexan unha realidade o antes posible”.