O Concello acometerá o selado do vertedoiro de residuos inertes da construción a comezos de 2019

14 de novembro de 2018. O Concello de Monforte vén de aprobar o proxecto para selar o vertedoiro de residuos inertes da construción, ubicado na antiga cerámica do Castelo e no que se foron depositando os restos do derrubamento de casas ou os materiais sobrante das novas edificacións. Esta actuación, que se acometerá durante o primeiro trimestre de 2019, vai permitir levar a cabo a restauración ambiental da zona, tal e como se comprometeu cando se habilitou este espazo.

 

O Alcalde, José Tomé, explicou que “este vertedoiro de inertes deixou de estar operativo en 2010, cando se completou a súa capacidade de almacenamento; pero malia iso, non se procedeu ó seu selado ata agora. É dicir, esta actuación que imos realizar é algo que tería que haberse producido hai xa oito anos”.

 

O mandatario local engadiu que “ademais do selado superficial, o proxecto engloba outras actuacións adicionais coa finalidade de evitar, ou diminuír, os posibles danos ó medio ambiente e á contorna do vertedoiro”. Por outra parte, tamén se establece un Plan de Control e Vixiancia da clausura e selado do vertedoiro durante 30 anos.

 

O proxecto inclúe as seguintes actuacións:

 

1.  Selado superficial do vertedoiro

2.  Xestión dos lixiviados

3.  Xestión dos gases do vertedoiro

4.  Xestión das augas pluviais e de escorrentía

5.  Revexetación do terreo

 

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia determinou, entre outros aspectos,  que a taxa de explotación por tonelada métrica é de 2’36 euros, para poder sufragar os custes da clausura do vertedoiro. José Tomé apuntou que “este fondo non existe e, agora, os custes do proxecto de selado irán a cargo de fondos municipais”.

 

O Alcalde destacou que “daremos solución a unha obra que se tiña que haber realizado cando se encheu de residuos o vertedoiro pero que, lamentablemente, non se acometeu ata a actualidade”.

 

Os detalles do proxecto xa poden consultarse dende hoxe a través da páxina web do Concello de Monforte, no Perfil do Contratante.

 

A licitación estará aberta ata o vindeiro 4 de decembro e a Mesa de Contratación reunirase uns días despois, o 10 de decembro, ás 9 da mañá.

 

O importe de licitación desta obra ascende a 239.000 euros.