O Concello celebra o domingo, 16 de decembro, un concerto benéfico do grupo Gin Toni´s para a recollida de xoguetes

7 de decembro de 2018. A Explanada da Compañía vai acoller un concerto benéfico para a recollida de xoguetes. Será o vindeiro domingo, 16 de decembro. As actividades programadas comezarán ás 16:30 horas e prolongaranse ata as 20:30.

O programa é:

  • Ás 16:30 horas empezarán a funcionar as atraccións para os nenos, que serán de balde. Os máis pequenos da casa terán á súa disposición un castelo hinchable (de 3’50 metros de altura), un toro mecánico, Palo Loco (barredora), Base Ball (béisbol) e 2 pintacaras
  • Animador infantil entre as 17 e 18 horas
  • Concerto do grupo Gin Toni’s, dende as 18 horas ata as 20:30 horas

A maiores, os nenos poderán gozar, de balde, de palomitas e algodón de azucre.

O mandatario local detallou que “instalaremos unha carpa na Explanada da Compañía por se ese día fixera mal tempo. Ademais, haberá unhas jaimas na que a xente poderá depositar os xoguetes”.

O evento solidario, organizado polo Concello de Monforte, será totalmente gratuíto, “e con el imos poder ofrecer unha tarde de lecer e de esparcimento ós nenos e nenas de Monforte, pero tamén, para todos aqueles que queiran achegarse ese día á nosa cidade”, explica o Alcalde, José Tomé, “a cambio, o que pedimos dende o Concello é que a xente que queira, entregue xoguetes novos, preferiblemente, que sexan de carácter educativo, non sexistas nin bélicos, e para diferentes idades”.

 

 

Fomentar a solidaridade

José Tomé avanzou que “con este evento queremos sensibilizar ós cidadáns nunha época especialmente emotiva, como é o Nadal. Consideramos que ningún neno debería quedar sen un xoguete”. Por outra parte, o rexedor dixo que “queremos fomentar a solidaridade entre a poboación,  facer partícipes a todos os monfortinos de forma activa a través da doazón dun xoguete novo”.

Para o mandatario local esta actividade tamén “vai contribuír a concienciar, sensibilizar e facer partícipes ós nenos e nenas de que existen outras realidades, para que así sexan solidarios dende pequenos con aqueles que teñen menos recursos, e moi especialmente nestas datas nas que aumenta tanto o consumismo”.

José Tomé sinalou que “como non podía ser doutro xeito, dende o Concello de Monforte queremos recomendar a adquisición dos xoguetes nos comercios da nosa cidade porque deste xeito, tamén estamos contribuíndo a apoiar ós comerciantes da nosa localidade”.

Para a realización do evento, o Concello de Monforte conta tamén coa colaboración dos centros educativos, das ANPAS, do grupo Gin Toni´s e de Cruz Vermella. De feito, esta entidade é a que se vai encargar de realizar a distribución dos xoguetes entre as familias con menos recursos.

“Quero aproveitar para lanzar unha mensaxe a tódolos monfortinos, e animalos a que o domingo, 16 de decembro, se sumen ó evento e que veñan con xoguetes para entregar”, destacou o Alcalde. “O pasado 2 de novembro, durante a recollida de alimentos, xa demostramos que somos unha cidade solidaria. Pois ben, eu pido que continuemos nesa senda para que nestas datas tan especiais, poñamos todos o noso grao de area para que todos os nenos teñan un sorriso e poidan gozar dun xoguete novo”.