As invitacións para asistir á gravación do programa Malo Será da TVG estarán dispoñibles desde mañá na Casa da Cultura de Monforte

Monforte de Lemos, 10 de setembro de 2019. O auditorio do Edificio Multiusos acollerá este venres 13 de setembro a gravación do programa “Malo Será!... da Televisión ao Teatro”, da Televisión de Galicia.

Para poder acudir como público á gravación do programa, a produtora puxo a disposición do Concello de Monforte unha serie de invitacións que se poderán recoller na Casa da Cultura de Monforte o mércores 11, xoves 12 e venres 13 en horario de 11:00 a 13:00 horas.

Distribuiranse un máximo de 2 entradas por persoa, en rigorosa orde de chegada e ata esgotar existencias.

A gravación do programa está previsto que dea comezo ás 22:00 horas do mencionado venres 13, e que a apertura de portas do Multiusos sexa a partir das 21:30 horas.

 

Malo Será!... da Televisión ao Teatro

Trátase dun programa itinerante que achega a televisión aos teatros de toda Galicia. Serán dúas horas de humor protagonizadas polos mellores cómicos da escea galega, que actuarán para público en directo.

O programa consiste nunha sucesión de sketches sobre temas universais, con guiños ás distintas localidades nas que se grava. Haberá tamén música en directo e contarase cunha vistosa escenografía, e moitas máis sorpresas.