Instálase desde onte unha nova valla perimetral de cores no Parque infantil de López Suárez

Monforte de Lemos, 29 de marzo de 2019. O Concello de Monforte informa que onte deu comezo a instalación dunha nova valla perimetral de cores no Parque infantil de López Suárez. O traballo está sendo desenvolto pola empresa adxudicataria do contrato de mantemento, conservación e reparación de parques infantís e biosaudables, Jardincelas SL.

Os traballos de renovación do peche da área de xogos infantís de López Suárez contribuirán a dotar de maior seguridade ó parque, a vez que melloran a súa faciana estética. En concreto, a actuación está desenvolvendo a instalación de 70 metros lineais de valla metálica de cores modelo Galopín V15, que cumpre coa normativa europea (UNE-EN-1176, UNE-EN-1177) e autonómica (Decreto 245/2003 do 24 de abril de 2003, da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado) vixentes.

Unha vez finalizada esta obra de instalación, que se prevé remate nesta semana, a empresa adxudicataria procederá a instalar 84 metros lineais deste mesmo tipo de valla no Parque infantil da Pinguela.

 

Colocación de xogos adaptados

Por outra banda, nos vindeiros meses empresa Jardincelas, irá colocando paulatinamente xogos adaptados a todos os nenos e nenas, tamén aqueles con diversidade funcional. Porque o feito de que poidan así xogar todos xuntos pode previr prexuízos, exclusións e que interactúen e aprendan uns dos outros.

Deste xeito, colocaranse este tipo de xogos adaptados, que cumpren coa normativa vixente antes mencionada, nos seguintes parques:

  • Parque infantil da Compañía: colocaranse 2 muelles, un asento de columpio e un multixogos.
  • Parque López Suárez: instalarase un columpio, un multixogos e un muelle.
  • Parque da Pinguela: colocaranse un columpio e dous muelles.
  • Parque da Florida: ubicarase un asento de columpio.

 

Todos estes xogos que se instalarán serán adaptados; neste senso, os xogos, na súa ubicación dentro de cada parque irán sinalizados como “Adaptados”. Tamén se irán renovando todas as sinalizacións dos diferentes parques.

Unha vez que está operativo o contrato entre o Concello e Jardincelas, a empresa irá revisando e reparando calquera avaria e desperfecto que se produza en calquera dos parques da cidade, tal e como se recolle no novo contrato, co que esperamos, con este mantemento permanente, dar un mellor servizo ós nenos e ós pais que fan uso destas instalacións de lecer.