Mañá Lucecús Teatro representará "A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna"no Multiusos

Monforte de Lemos, 26 de decembro de 2019. O Concello de Monforte continúa coa programación de Teatro Profesional 2019-Proscenio para a Provincia de Lugo da Deputación Provincial e deste xeito, mañá venres 27 de decembro a compañía lucense Lucecús Teatro representará A verdadeira historia do poeta Manuel de Paderna ás 18:00 horas no Multiusos, unha obra dirixida a público familiar e con entrada gratuíta.

Lucecús Teatro nace da confluencia de varios proxectos artísticos. Logo de moitos anos de traballo en diferentes colectivos teatrais de Lugo, tres vagalumes decidimos xuntarnos e dar un paso adiante coa máxima ilusión do mundo. Tres lucecús chamados Anxo Manoel, Isa Herrero e Rubén Pérez que teñen percorrido os escenarios de Galicia da man de grupos como Achádego, Palimoco ou Microefectos Dramatúrxicos. A compañía acaba de nacer pero xa son moitas as actuacións que levamos ás nosas costas, esperando ansiosos que o número se multiplique.

Comezamos este proxecto da man dos compañeiros de Ibuprofeno Teatro, que dirixirán este primeiro espectáculo que ogallá sirva para alumarnos polos camiños do mundo.

Manuel de Paderna é un home que posúe o enfeitizo poético e o dominio da palabra que fai parar as augas dos ríos, variar a situación dos mares, abrollar as fontes ou curar as persoas. Hai quen di que mesmo os paxaros suspendían os seus voos e ficaban inmóbiles no aire para aprenderen o seu canto e melodía... Manuel de Paderne é algo poeta, tamén traballa de barbeiro e de alguacil municipal. A partir dos textos de Manuel María construímos unha viaxe divertida e curiosa a través de varias historias que lle acontecen a este máxico personaxe.