O Alcalde de Monforte anuncia o proxecto de nova pavimentación da rúa do Cardenal

Monforte de Lemos, 18 de setembro de 2019. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer na tarde de hoxe o proxecto de repavimentación da Rúa do Cardenal de Monforte que é, en verbas do rexedor municipal, “a rúa escaparate da nosa cidade, a rúa máis emblemática pola que veciños e visitantes, nalgún momento pasan.”

O proxecto enmárcase dentro do plan do Equipo de Goberno do Concello de mellorar a cidade, algo que se levou a cabo en máis de 80 rúas da cidade durante o anterior mandato e que continua nos tres meses que levan transcorridos da nova etapa de goberno. Deste xeito, desde comezos do verán abordáronse obras de mellora nas rúas Benito Vicetto, Lagares, López Espinosa, Chamoso Lamas, Santa Clara-A Veiga, a pasarela Calvo Sotelo-As Cruces, ou o acceso ó Miradoiro do Duque.

 

Nova pavimentación para a Rúa do Cardenal

A rúa Cardenal foi feita peonil nos anos 90, durante o mandato do goberno Popular, e dende un primeiro momento houbo queixas sobre a súa pavimentación, incluso do propio goberno municipal, que criticou o traballo levado a cabo pola empresa encargada de levar a cabo as obras. Co paso do tempo, as raíces da zona das árbores foron levantando os adoquíns do seu arredor, o cal ocasionou caídas, sobre todo de persoas maiores, que “dende o Concello lamentamos profundamente”.

Neste senso, José Tomé indicou que “o inicio deste novo mandato adquirín o compromiso de arranxar este problema de pavimento na rúa Cardenal e para elo encarguei a principios do mes de agosto un proxecto para analizar todas as deficiencias da rúa e darlles unha axeitada solución”.

O proxecto foi elaborado pola empresa monfortina Abante; tras levar a cabo varias análises en sucesivas visitas á rúa, concluíuse que é necesaria unha reforma integral da rúa do Cardenal. Este proxecto será levado, para súa aprobación, ó Pleno ordinario municipal que se celebrará o luns día 30 de setembro. Neste mesmo pleno o proxecto será dotado da financiación necesaria para a súa execución.

 

Reforma integral da rúa do Cardenal

A reforma integral concebida para a mellora do pavimento da rúa do Cardenal consistira nas seguintes accións:

  1. En primeiro lugar, procederase a levantar todo o pavimento actual, todas as lousas de granito, dende o entronque coa praza de España ata o entronque coa avenida de Galicia. E levarase a cabo de forma manual, co obxectivo de aproveitar ó máximo as lousas que estean en bo estado. Neste senso, os encargados do proxecto revisaron lousa a lousa –arredor de 5.000- para determinar cales presentan algunha deficiencia e cales son válidas; así estímase que algo máis do 50% das lousas de granito están en bo estado e poderán ser reutilizadas na nova pavimentación.
  2. Levantaranse tamén os alcorques de adoquín que rodean ás árbores, así como a terra que hai debaixo deles. O obxectivo será nivelar esta zona de árbores e corrixir as raíces secundarias dos mesmos que sexan moi altas e dificulten a colocación do novo pavimento. Deste xeito, procederase ó nivelado de toda a rúa.
  3. Desmontaranse todos os elementos de mobiliario urbano da rúa: bancos, papeleiras, arquetas, tapas de rexistro, barandas dos locais de hostalería, bolardos, o quiosco, sinais, o mupi informativo, etc. E todos estes elementos volverán a ser recolocados na súa ubicación orixinal unha vez remate o pavimentado da rúa.
  4. Levantarase tamén a franxa central de canalización de augas pluviais, e volverase a instalar ben nivelada e canalizada, unha vez se coloquen as lousas de granito. Do mesmo xeito, tamén se levantará o bordiño de pedra de acceso á avenida de Galicia e se volverá a refacer no transcurso das obras de mellora.
  5. Rematadas estas accións previas, procederase á colocación de lousas de granito de 12 cm de grosor sobre firme de formigón. Entre cada unha delas deixaranse 3 mm de separación e serán seladas con formigón de alta calidade, para propiciar un espazo de dilatación entre cada unha delas que impidan choques ou rupturas ante altas temperaturas.
  6. Instalado o novo pavimento, levarase a cabo unha limpeza integral de todo o conxunto de lousas con chorro de auga e area para harmonizar e igualar as cores das pedras reutilizadas (eliminando manchas e suciedade) con respecto ás lousas de nova colocación.
  7. Aproveitando esta obra de mellora, deixaranse instaladas zanxas entubadas para diferentes usos en relación con futuras instalacións de cableado eléctrico, de internet ou telefónico, a fin de facilitar ás empresas que proporcionan estes servizos futuras instalacións sen que sexa necesario levantar a rúa.

O rexedor municipal destacou que “esta obra nin é sinxela nin é barata pois supón, como vimos de explicar, levar a cabo un laborioso e complexo traballo de mellora sobre a rúa do Cardenal. E o prezo de licitación da mesma será de 307.048,68 euros”. Trátase pois dunha inversión relevante que terá que ser levada a cabo por unha empresa que teña capacidade para desenvolver os traballos descritos con precisión.

O financiamento da obra, será levado a cabo con remanentes de fondos municipais, que tamén serán levados ó Pleno do día 30. Neste senso, agárdase que en devandito Pleno, en relación a estes remanentes, se acade no presente ano a débeda cero para o Concello así como a comentada financiación da rúa Cardenal.

Se o pleno aproba o proxecto da rúa Cardenal e o seu financiamento, será publicado no Boletín Oficial da Provincia, e unha vez resoltas as alegacións (se as houbera) se prevé publicar a licitación da obra a finais do mes de outubro. “É intención do Equipo de Goberno que dirixo adxudicar a obra antes de que remate o presente ano, que se poidan iniciar as obras arredor de febreiro ou marzo e que estean rematadas antes de maio, causando as menos incomodidades posibles”.