O Alcalde entrega o Plan Especial á Directora Xeral de Urbanismo

Monforte de Lemos, 28 de marzo de 2019. Hoxe o Alcalde de Monforte, acompañado do equipo redactor, desprazouse a Santiago para facer entrega á Directora Xeral de Urbanismo, dona Encarnación Rivas, do expediente do Plan Especial que aprobou recentemente, o 11 de febreiro do presente ano, de forma provisional a Xunta de Goberno do Concello de Monforte.

A reunión tivo lugar ás 11 da mañá prolongándose por espazo de algo máis dunha hora, durante a cal tanto o Alcalde como o equipo redactor explicaron á Directora Xeral os contidos do documento que se lle entregaba e que foi rexistrado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.

Agora a Xunta de Galicia analizará o documento que acaba de recibir e notificará ó Concello si é necesario complementar algún tipo de documentación que considere necesaria para facer a avaliación do mesmo.

Se non fose necesario aportar ningunha documentación adicional, a Xunta dispón dun prazo de 2 meses para elaborar o seu informe preceptivo e ratificar ou propoñer as modificacións que estime oportunas.

Cando o Concello reciba o informe preceptivo de Urbanismo da Xunta, o equipo redactor deberá incorporar as indicacións que fagan dende Urbanismo da Xunta, e a partir dese momento é cando o documento do Plan Especial estará en condicións de ser elevado a Pleno para a súa aprobación definitiva.

Os documentos que conten o expediente que levou o Alcalde ó Rexistro da Xunta para que sexan revisados por Urbanismo son os seguintes:

  • Certificación do acordo da Xunta de Goberno Local
  • Tomo Planos
  • Informe de resposta ao emitido pola Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda ao Plan Especial
  • Informe de resposta ao emitido pola Deputación Provincial de Lugo ao Plan Especial
  • Informe de resposta ao emitido pola Subdelegación do Goberno en Lugo ao Plan Especial
  • Informe de resposta ao emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado ao Plan Especial
  • Informe de resposta ao emitido pola Axencia Galega de Infraestruturas ao Plan Especial
  • Informe de resposta ao emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ao Plan Especial
  • Informe de resposta ao emitido pola Dirección General de Política Energética y Minas ao Plan Especial
  • Informe de resposta ao emitido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ao Plan Especial
  • Textos (información urbanística, anexo habilitabidade, documento ambiental estratéxico, estudo económico financieiro e programa de actuación, normativa urbanística, memoria de ordenación)
  • Catálogo de Protección, Tomos I e II: (informe alegacións, catalogo de protección I e II)

Polo que respecta ás respostas das alegacións, tanto as de persoas individuais como as das entidades, levaranse a cabo conforme á normativa cando se produza a aprobación definitiva do Plan Especial por parte do Pleno do Concello e adquiran carácter definitivo, dado que ata ese momento de aprobación polo Pleno, a resposta ás alegacións ten carácter provisional e carece de valor xurídico.