O estacionamento do Parque dos Condes e o primeiro treito do Paseo Fluvial xa contan cunha boa iluminación pública

Monforte de Lemos, 19 de marzo de 2019. O Concello de Monforte de Lemos informa que no día de hoxe entra en funcionamento a nova iluminación do estacionamento do Parque dos Condes e do primeiro treito do Paseo Fluvial entre a pasarela do estacionamento e a pasarela do acceso ó futuro parque de Cobas.

Iluminación do Parque dos Condes

A nova iluminación do aparcadoiro do Parque dos Condes supón pasar dunha situación de penumbra a unha iluminación moderna e eficiente, xa que o goberno municipal considera que o estacionamento debe ter unha iluminación suficiente, e ademais que sexa o máis seguro posible para todos.

Antes había 7 puntos de iluminación amarela de pouca intensidade e agora pasamos a ter 16 proxectores de LED que converterán a todo o estacionamento nunha zona ben iluminada e que dará máis confianza ás persoas que vaian estacionar ou a retirar o seu vehículo durante a noite.

Con esta obra instalouse un novo cadro de mando e foron substituídas as actuais luminarias e os seus equipos por outros novos, instalando 16 columnas metálicas de 12 metros de altura co obxecto de facilitar unha cobertura uniforme da iluminación que proxectan.

Tamén se procedeu á substitución completa do cableado antigo por outro cableado completamente novo e independente do resto da instalacións, dotado das debidas instalacións de posta a terra.

Os equipos de iluminación e os demais elementos, son de tecnoloxía LED, de alta eficacia enerxética e con protección térmica, levando incorporado un sistema de acendido mediante programador astronómico e equipos electrónicos de multinivel preprogramado, o que vai permitir ir reducindo o consumo ata no 50% a partir das 4 horas iniciais de encendido.

O custe de esta obra ascendeu a 37.370 euros e foi realizada pola empresa Raúl e Hijos SL, con sede en Monforte.

   

 

Iluminación dun treito do Paseo Fluvial

En relación co Paseo Fluvial, o que se fixo foi dotar de iluminación, xa que carecía dela, ó primeiro treito do Paseo Fluvial dende o Parque dos Condes ata o futuro Parque de Cobas.

As instalacións que se colocaron para este tipo de iluminación teñen a consideración de “vial ambiental”, segundo o regulamento de Eficiencia Enerxética e Iluminación Exterior.

Ó longo deste treito do Paseo Fluvial colocáronse 28 farolas de LED, ubicadas na marxe dereita e que iluminan tamén as dúas pontes que unen o Paseo coa presa do Parque dos Condes e a ponte sobre o río Cabe para a entrada do futuro Parque de Cobas. Destas 28 farolas, 24 van colocadas en liña ao longo do paseo e as outras 4 van ubicadas nas pontes a modo de proxectores.

Con esta actuación melloramos o Paseo Fluvial cun servizo do que non se dotou durante a construción do paseo e que o equipo de goberno considera necesario ir completando no futuro ata Piñeira, xa que o Paseo Fluvial converteuse nun lugar moi frecuentado polos veciños.

O custe desta obra ascendeu a 29.600 euros e foi realizada pola empresa monfortina, CYME Santos Héctor.

   

O custe total das dúas obras comentadas ascendeu a case 67.000 euros. A partir de hoxe os veciños e veciñas de Monforte poden desfrutar duns novos espazos ben iluminados, tanto para o servizo de estacionamento, como para lecer no caso do Paseo Fluvial.