Monforte de Lemos, 21 de maio de 2025. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, convocou ós medios de comunicación hoxe ás 17:30 horas para informar das medidas tomadas polo Equipo de Goberno, ante as continuadas avarias que se produxeron nestes últimos meses, na Rúa Escultor Francisco Moure e na rúa Reboredo.
José Tomé, quixo dar conta das últimas novas con respecto ó abastecemento de auga potable na rúa Escultor Francisco Moure e comezou a súa exposición cun breve relato da relación contractual coa empresa Aqualia, que tal e como afirmou o mandatario “O contrato con Aqualia, naceu en 2001, gobernando o Partido Popular, e xa dende o principio foi unha relación difícil, polémica e non beneficiosa para o Concello xa que non se cumpriron os investimentos iniciais nin outros compromisos contractuais complementarios”.
“Durante a seguinte etapa de Goberno -continuo a explicar o Alcalde- dende o 2003 ata o 2015, non se esixiu formalmente o cumprimento das obrigas contractuais que tiña Aqualia e que non se realizaron, e foi no mandato 2015-2019, cando o actual Equipo de Goberno realizou esixencias reais á empresa Aqualia para que cumprise as súas obrigas empezando polo arranxo do Barrio do Hospital, seguindo pola denuncia dos investimentos que deu lugar á nova tubaxe da traída Xeral de Abastecemento, e agora, tomamos novas medidas con dúas situacións anómalas, como son, a rúa Francisco Moure e o Reboredo xunto á N-12O”
O Alcalde explicoulle tamén ós medios de comunicación presentes, que dado que últimamente se levan producido varias avarías no entorno da Rúa Francisco Moure, concretamente 11 avarías en menos de 2 anos, pero nos últimos 5 meses, 6 avarías, esta situación de reiteración de avarias en un período curto de tempo, fai posible que o Concello poida tomar medidas con seguridade xurídica, según o asesoramento dos técnicos municipais.
Este foi o motivo que desencadeou que o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, convocara unha Xunta de Goberno con carácter extraordinario para esta mesma mañá, ás 9:30 horas, na que se tomaron as seguintes decisións:
Primeiro.- Requerir á empresa FCC AQUALIA, con base nos partes da Policía Local e no informe da Enxeñeira Técnica Industrial do Concello, para que no prazo de dous meses, proceda á substitución integral do tramo da tubaxe que discurre pola marxe dereita da rúa Escultor Francisco Moure, entre o Bar Cristal e a vía do ferrocarril, que se fai constar no informe da Enxeñeira Técnica Industrial de data 20 de maio do 2025.
Segundo.- Asemade, requírese á empresa FCC AQUALIA para que propoña unha solución, con carácter integral e definitivo, para evitar as avarías no entorno da N-120, que garanta o subministro normalizado ó Polígono do Reboredo.
Terceiro.- Apercibir do acordo co disposto no artigo 100 e 102 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común que, en caso de incumprimento do citado acordo, procederase á execución subsidiaria por parte do Concello de Monforte á costa de Aqualia e, os importes dos gastos e perxuízos executaranse de acordo co disposto no artigo 101 do citado texto legal.”
Ás 11:30 h acompañado da Tenente Alcalde, José Tomé reuniuse coa Xefa de Servizo de Aqualia Monforte e co responsable rexional para Galicia da citada empresa, na que lles informou das decisións e das consecuencias do incumprimento da Orde de Execución que lles ía a comunicar o Concello, remitindo o acordo da Xunta de Goberno coa orde de execución ás 13:10 horas.
O Alcalde tamén explicou que a empresa, na reunión celebrada pola mañá, comprometeuse a acometer as obras propostas polo Concello, co que antes de 2 meses, estará resolto o problema de Escultor Francisco Moure.
José Tomé, quixo subliñar que a este Equipo de Goberno non lle trema o pulso á hora de defender os intereses dos veciños e veciñas de Monforte de Lemos, e mostrou a súa satisfacción porque a empresa concesionaria do servizo de abastecemento, mostre predisposición para chegar a un acordo e solucionar o problema que existe na Rúa Escultor Francisco Moure, tal e como lle transmitiron hoxe pola mañá no despacho do Alcalde.