O Alcalde anuncia a licitación de tres novos proxectos de mellora de vías municipais cun investimento de mais de 400.000 euros

Monforte de Lemos, 18 de xuño de 2025. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar da licitación de varios proxectos de mellora de vías municipais incluídas no programa de melloras das infraestruturas do Concello, tanto no eido urbano como no medio rural, desenvolto polo Equipo de Goberno monfortino.

As actuacións que se van a facer son de índole diferente, de tal modo que por un lado saen a licitación, a mellora do pavimento da rúa Ourense e de varias vías municipais en Ribasaltas e por outro e ó mesmo tempo, anúnciase a licitación da prolongación da rúa Roberto Andrade, que terá saída á rúa Santiago.

En canto ó primeiro proxecto mencionado, a mellora do pavimento da rúa Ourense, tal e como explicou o Alcalde, “trátase dun proxecto de mellora que ven motivado polas eivas que dende o Concello detectamos en canto ó desgaste do seu pavimento nalgunhas zonas, que inciden negativamente nas condicións do tráfico”.

O proxecto de actuacións sobre esta rúa, consistirá no fresado e na reposición da capa de rodadura deste vial urbano, ó longo de 620 metros lineais, e na renovación da súa sinalización horizontal, co pintado de marcas viais, símbolos e cebreados. Trátase dunha superficie total de actuación de 5.495 m2 entre o entronque coa Avda de Galicia e a rúa do Río.

En segundo lugar, tamén hai que falar da licitación da mellora de pavimentación en varias rúas municipais en Ribasaltas. Esta actuación abranguerá unha lonxitude total de 1.895 metros, cun ancho medio de 4,30 metros, e unha superficie total de 8.160 m2 e suporá a renovación do firme existente, a través de triple rego asfáltico e aglomerado en quente de 5 cm en todos os viais da marxe esquerda de Ribasaltas, incluída a zona da área recreativa.

Tamén se mellorará o acceso central desde a área recreativa cara á estrada provincial, alongando o primeiro tramo do mesmo ata os 6 metros e creando, nunha parcela municipal colindante, unha área verde, con plantación de arboledo, céspede e colocación de mobiliario urbano.

-“Este proxecto” explica o Alcalde “mellorará un conxunto de vías que son moi utilizadas polos veciños de Ribasaltas, e especialmente a estrada que conduce á actual área recreativa e local social, polo que é necesario renovar o seu firme, a fin de dar un mellor servizo ós usuarios e os veciños desta parroquia de Monforte”.

Xa por último, e non por iso menos importante, vaise licitar o proxecto da prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade, que terá saída á rúa Santiago. Esta prolongación terá unha lonxitude total de 57 metros, cun ancho medio de 12,14 metros e unha superficie de 692 m2, “Iste é un compromiso do Equipo de Goberno que xa anunciara no Pleno do Concello e seguimos a nosa folla de ruta para seguir mellorando a trama viaria urbana de Monforte” subliñou José Tomé.

Importancia da rúa Ourense

O Alcalde destaca que “a rúa Ourense é unha das arterias de entrada e de saída de Monforte, que comunica o centro da cidade coa saída cara Ourense, a través da circunvalación CG-2.1 que leva á N-120, e cara a Ferreira de Pantón, a través da N-120a. Polo que é unha estrada que conta cun alto volume de tráfico e así, queremos dende o Equipo de Goberno, mantela en bo estado”.

Actuacións de mellora de pavimentación de vias municipais en Ribasaltas

En concreto, o proxecto suporá a renovación do firme de diversas vías que actualmente están deterioradas, pero tamén se mellorará a parcela colindante ao acceso central, de propiedade municipal, na que se sementará céspede ornamental, procederase á plantación de sete árbores e á colocación de bancos e papeleiras.

Tamén se colocará unha valla tipo bionda na zona na que o camiño está máis alto que a parcela e por último, procederase ao pintado de marcas viarias e de símbolos e cebreados, así como a  colocación de sinais de Stop (de 60 e de 90 cm.) en todos os cruces en que non existen.

Proxecto da prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade, con saída a rúa Santiago

A urbanización do novo tramo da rúa suporá a creación de dúas beirarrúas peonís en ambos os lados, de entre 1,20 e 1,50 metros de anchura, aproximadamente, cada unha e unha calzada central, de entre 6,90 e 9,30 metros de anchura, na que se situarán 2 carrís, un para cada sentido, e unha zona de aparcamento en liña nun dos lados.

Así mesmo, procederase a dotar de servizos a todo este tramo de rúa (saneamento, pluviais, abastecemento, iluminación pública, rede de baixa tensión e telecomunicacións). Por iso procederase, en primeiro lugar, á demolición dos peches das parcelas na zona afectada, así como dunha pequena construción agrícola existente nunha delas.

Unha vez terminadas as redes de servizos, procederase á colocación do bordo de formigón, con rigola do mesmo material, en ambos os lados da calzada. Seguidamente colocarase a soleira de formigón, de 15 cm. para a posterior colocación das baldosas tamén de formigón nas beirarrúas e, por último, o firme de aglomerado asfáltico, en dúas capas, de 5 cm. a primeira e 4 cm. a última, a capa de rodadura.

Finalizará a actuación co pintado das marcas viarias correspondentes, incluíndo o pintado de marcas viarias do tramo de rúa existente, e tamén se colocará unha sinal de STOP na intersección coa rúa Santiago, para os vehículos que circulan por esa rúa procedentes da rúa Chantada.

Por último, tamén se procederá á construción dos peches das parcelas afectadas, así como á colocación das portas de acceso a cada unha delas.

Entre os tres proxectos, trátase dun investimento de algo mais de 400.000 €, concretamente, 402.489,15 € (IVE engadido) que se concretan en 103.677,98 € na mellora do pavimento da rúa Ourense, 157.521,24 € na mellora de pavimentación de varias vias municipais en Ribasaltas e 141.289,93 € para a prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade con saída á rúa Santiago.

O prazo de presentación de ofertas estará aberto ata o 9 de xullo e as mesas de contratación terán lugar, a primeira o día 16 de xullo e a segunda o día 23 de xullo. Na primeira delas, a o día 16, procederase á apertura dos sobres 1 e 2 que se corresponden coa documentación administrativa e a memoria técnica e na mesa do día 23 de xullo, procederase á apertura do sobre 3, que se corresponde coa oferta económica.

Unha vez adxudicados os proxectos, as empresas adxudicatarias, contarán cun prazo de execución estimado para a realización das obras de 1 mes no caso do proxecto de mellora da rúa Ourense, o proxecto de mellora de pavimentación de Ribasaltas ten un prazo de execución de 2 meses e por último, a prolongación da rúa Roberto Martínez Andrade, ten un prazo de execución de 3 meses.

O Alcalde concluíu salientado que “Coa licitación destes novos proxectos que acabo de presentar, continuamos co desenvolvemento do programa de mellora de infrastruturas da nosa cidade, neste caso, a mellora en vias de titularidade municipal, continuando cun compromiso que teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende 2015, e que suporá, como veñen de comprobar, unha moi significativa mellora de varias rúas do Concello”.