O Alcalde de Monforte anuncia o reparto a partir deste luns de mascarillas sanitarias a todos os monfortinos censados

Monforte de Lemos, 25 de abril de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ordenou hoxe a publicación dun Bando no que se fai saber ós veciños e veciñas de Monforte que a partir do vindeiro luns 27 de abril porase en marcha o operativo mediante o cal se repartirán mascarillas sanitarias, co obxectivo de facilitar novas medidas de prevención e contención do Covid-19.

Co obxecto de mitigar os efectos que o coronavirus produce nos veciños e veciñas de Monforte de Lemos, así como dos industriais que desenvolven a súa actividade neste Concello, por parte da Alcaldía véñense facendo diversas actuacións para, na medida do posible, colaborar con todos eles tanto dende o punto de vista sanitario, como dende o aspecto económico.

Desta forma, o rexedor municipal anunciou a adquisición, nos pasados días e en diferentes partidas, de 70.000 mascarillas sanitarias, partida ven de ser recibida no Concello e que comezará a ser distribuída a partir deste luns 27 entre os veciños e veciñas da cidade, para que desta forma incrementen as medidas de protección, mais aló de respectar a distancia social, tal e como recomendan as autoridades sanitarias. Desta partida de 70.000 mascarillas, unha parte irá destinada para a protección do persoal público municipal que actualmente segue a traballar para garantir os servizos que presta o Concello ós cidadáns monfortinos.

A esta partida hai que engadir a adquisición dun novo pedido de 100.000 mascarillas sanitarias para adultos así como a compra de 15.000 mascarillas sanitarias infantís que se agarda cheguen nos vindeiros días.

O Alcalde destaca que “unha vez adquiridas as mascarillas, chegou o momento de proceder ó reparto entre os veciños e veciñas de Monforte e, por esta Alcaldía, considérase que o medio máis axeitado de reparto das mesmas é a súa entrega nos domicilios, xa que desa forma evítanse os desprazamentos innecesarios e que os veciños e veciñas vaian a un punto de reparto concreto, o que incrementaría as posibilidades de contaxio”.

 

Medidas adoptadas para o reparto de mascarillas

O Alcalde, comunica, a través deste Bando, as seguintes medidas adoptadas en canto ó reparto domiciliario de mascarillas:

  1. Dende este luns 27 de abril de 2020, a partires das 9:00 horas, levarase a cabo, polo Concello de Monforte, un reparto gratuíto de mascarillas sanitarias, para a protección dos veciños e veciñas do contra a pandemia do COVID-19.
  2. O reparto farase nos domicilios, mediante a entrega gratuíta de TRES mascarillas por persoa empadroada no mesmo. Dito reparto farase por tódalas rúas da cidade. As rúas nas que se fará a entrega e as datas nas que fará a distribución, en cada unha delas, poñerase previamente en coñecemento da cidadanía mediante anuncio nos medios de comunicación social e na páxina web do Concello.
  3. O reparto realizarase por empregados públicos municipais, que utilizarán as medidas de protección, tanto de EPI’s como de mantemento das distancias, no momento da entrega.
  4. Prégase a colaboración da cidadanía para que a entrega sexa nas debidas condicións, en beneficio da saúde tanto dos traballadores, ós que se lle agradece a súa colaboración, como da dos propios veciños e veciñas.
  5. A entrega farase na porta do domicilio, garantindo o respecto das medidas de distanciamento social, aconselladas polas autoridades sanitarias. No caso de que fora preciso, porque as circunstancias sanitarias o aconsellaran, poderase facer un novo reparto, en cuxo caso ampliaríase esta entrega inicial.

 

Tomé Roca aproveitou este Bando para “recordar aos veciños e veciñas que as medidas de confinamento seguen vixentes e que deben permanecer nos seus domicilios. Non obstante, se fose preciso saír á rúa para a realización dalgunha das actividades permitidas, prégase que algún dos residentes no domicilio poña atención para recoller as mascarillas subministradas”.

O rexedor municipal fixo fincapé en “recordar, en ben de todos e todas, a necesidade de respectar as medidas establecidas polas autoridades sanitarias, para a loita contra o COVID-19”.

Finalmente, tamén quixo Tomé Roca “agradecer o comportamento da poboación en xeral no exemplar cumprimento das medidas de confinamento establecidas polas autoridades, que se manifesta nunha evidente limitación das saídas á rúa, facéndoo soamente para os desprazamentos indispensables e nos casos autorizados”.

 

Desenvolvemento do operativo de reparto de mascarillas

O operativo de reparto de mascarillas, coordinado polo Equipo de Goberno do Concello, dará comezo este luns 27 de abril e abarcará todas as rúas da cidade así como as 26 parroquias que pertencen ó municipio.

Este operativo será desenvolto por empregados públicos municipais e farano seguindo a orde alfabética do nome das rúas.

O reparto de mascarillas farase en horario de 9:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Os traballadores municipais encargados destas tarefas de reparto, serán equipados cos equipos de protección (EPI’s) necesarios para non poñer en risco nin a súa saúde nin a da cidadanía. A tal efecto,  estes EPI’s contarán cos seguintes elementos de seguridade: buzos, mascarillas homologadas ou pantallas faciais de protección, luvas e solución hidroalcohólica.

Na mesma liña, o protocolo para a entrega das devanditas mascarillas que seguirán os empregados públicos municipais, será o seguinte:

  • Manter distancia de seguridade coa cidadanía de alomenos 2 metros.
  • Un traballador por coche.
  • Evitar o saúdo físico.
  • Lavar frecuentemente as mans, durante, alo menos 40 segundos, ou con solución hidroalcohólica.
  • Cubrir o nariz e a boca cun pano desbotable ó tusir e ó estornudar, e desbotalo a continuación nun cubo de lixo que conte con peche. Se non se dispón de panos, empregar a parte interna do cóbado para non contaminar as mans.
  • Evitar tocalos ollos o nariz e a boca.
  • Se se notan síntomas, avisar os compañeiros/as e superiores, e extremar as precaucións tanto de distanciamento social como de hixiene, mentres se estea no posto de traballo e contactar de inmediato co médico de atención primaria o co teléfono de atención ó COVID-19 da comunidade autónoma.

 

 Bando Alcalde de Monforte Reparto de Mascarillas