O Alcalde de Monforte presenta o novo autobús urbano da cidade: “novo, moderno, adaptado, accesible e gratuíto”

Monforte de Lemos, 1 de febreiro de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe o que é o novo autobús urbano municipal da cidade, nun acto no que estivo acompañado polos membros do seu Equipo de Goberno, e pola responsable da empresa adxudicataria do servizo, Pilar Sánchez López, de Palacios Bus S.L.

O acto, que tivo lugar na praza Campo de San Antonio, serviu para explicar as importancia que para a cidade vai ter este novo vehículo de transporte público de Monforte, e neste senso, o Alcalde indicou que “hoxe para min é un día moi importante porque cumprimos un compromiso de dotar a Monforte dun novo servizo de transporte público, accesible a todos os cidadáns, novo, moderno adaptado e que trata a todo o mundo por igual porque é gratuíto”. E é que para o Equipo de Goberno de Monforte, o transporte público forma parte da política social do goberno municipal.

O novo servizo de bus urbano, continuou o rexedor municipal, “é un servizo moderno, accesible e adaptado, que da resposta ás necesidades de todas as persoas, incluídas as que teñen mobilidade reducida ou teñen algunha discapacidade. Creemos que este novo autobús de transporte municipal cumprirá un fin social e, ó mesmo tempo, axudará a fomentar e a concienciar sobre o uso do transporte público, pasando a ser Monforte, unha cidade pioneira en transporte público gratuíto.”

O novo contrato do servizo de xestión integral do autobús urbano de Monforte foi adxudicado á empresa Palacios Bus, S.L. Neste senso, formalizouse un contrato de 10 anos por un prezo total de 76.972,50 euros por ano ive incluído. Outra cuestión importante é que ó remate dos 10 anos de contrato o autobús pasa a ser propiedade do Concello. A vantaxe que terá esta circunstancia para o futuro, é que cando se faga un novo contrato, o servizo sairá máis barato debido a que xa non haberá que comprar o autobús porque a vida útil é superior ós 10 anos, e polo tanto non será necesario pagar a cota de amortización do autobús.

 

  

Principais características do novo Autobús urbano de Monforte

O Autobús Municipal que comezará o servizo regular este luns día 3 de febreiro, trátase dun vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line que conta coas seguintes características:

  • Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, e para elo vai dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.
  • Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
  • Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.
  • Conta cun máquina rexistradora de usuaruos, que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
  • Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
  • Ademais, proporciona información sonora mediante altavoces no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios, e especialmente ós invidentes, coñecer dita información.
  • Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles, para facilitar a todos os usuarios o uso dos seus dispositivos electrónicos durante as viaxes. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús (usuario: RUT950_F9a2; contrasinal: z8V9Usc4).
  • Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móvil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.
  • Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. Para elo o conductor debe soprar por un dispositivo que so permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chófer.
  • Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ó asiento daquel.
  • Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.

     

Incorpora ademais as seguintes características técnicas:

  • Motor de 190 CV con 6 cilindros en V.
  • Apagado automático cando o vehículo para, a fin de aforrar combustible.
  • Limitador de velocidade a 100km/h.
  • Asistente de freado activo co servofreno de emerxencia (BAS).
  • Axuda de arranque en pendente.
  • Cambio con levas no volante.
  • Asistente para vento lateral.
  • Tacógrafo intelixente.
  • Cámara traseira.
  • Detector de cambio de carril, sistema de aviso de risco de impacto frontal co vehículo precedente e detector de fatiga do condutor.
  • Faros antinéboa con luz de xiro.
  • Conexión automática de luces de cruce.
  • Luz de freo adaptativa.
  • Cinturóns de seguridade para todos os usuarios.

 

En caso de avaría ou reparacións de mantemento do autobús urbano, a empresa adxudicataria conta cun vehículo de substitución, que fará que o servizo non se vexa interrompido.

 

O novo autobús vai rotulado coas cores corporativas e un deseño que o identifica como autobús de transporte urbano de viaxeiros de Monforte de Lemos. A súa cor é o vermello porque destaca máis e porque o primeiro bus que oubo en Monforte tamén era desa cor.

 

Horarios e rutas

Os horarios do servizo que se vai prestar dende hoxe co novo autobús serán de luns a venres laborables dende as 8:05 da mañá ata as 8:15 da tarde, de forma ininterrompida, e os sábados laborables de 8:05 da mañá a 13.55 horas.

As rutas que percorrerá o bus son as mesmas que facía o bus que operaba ata agora e abranguen as principais zonas da cidade, con inicio e fin de ruta en Ribasaltas e no Cemiterio. As diferentes rutas, que se poderán consultar na páxina web do Concello e nas propias paradas debidamente sinalizadas, pasarán polo Ambulatorio, Estación de Autobuses, rúa Cardenal, Circunvalación, Hospital, Roberto Baamonde, Piñeira, Concepción Arenal, Ribasaltas e A Pinguela.

As paradas principais dos diferentes percorridos contarán con sinalización vertical, mediante sinaléctica oficial que indique a parada correspondente, e sinalización vertical, na que non estará permitido o estacionamento de vehículos, por estar reservada para a parada do autobús, necesaria para deixar ou recoller usuarios. O resto de paradas, contarán coa sinalización horizontal correspondente.

 

En definitiva, concluíu o Alcalde “con este novo servizo PÚBLICO E GRATUÍTO, dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte damos un paso importante para modernizar un servizo que se viña prestando dende fai moitos anos na nosa cidade, pero que na práctica nunca tivo un autobús axeitado para o transporte urbano.”

Dende o Concello, agardamos que  todos os veciños e veciñas de Monforte disfruten do novo bus urbano e que sexa un servizo útil, cómodo e eficaz para todos e todas.

 

Tras a presentación, o Alcalde, acompañado dos asistentes e dos medios de comunicación, fixo un pequeno percorrido por algunhas das principais rúas da cidade no novo autobús.