O Alcalde solicita á Xunta de Galicia que levante o peche perimetral de Monforte

Monforte de Lemos, 9 de novembro de 2020. Trala proposta do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, a Xunta de Goberno Local, celebrada hoxe luns 9 de novembro, acordou por unanimidade solicitar ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o levantamento do peche perimetral de Monforte, logo de que o Concello pasara de alerta vermella a alerta laranxa, tras os últimos datos facilitados polas autoridades sanitarias.

Esta petición lévase a cabo á vista dos datos que ven de dar a coñecer a Consellería de Sanidade, e que indican que o Concello de Monforte de Lemos reduciu o número de positivos por COVID-19, o que propiciou que deixe de estar en alerta vermella, pasando a nivel de alerta laranxa.

“Por esta razón”, sinala o Alcalde, “respectando as recomendacións das autoridades sanitarias, o Concello de Monforte deixa de ter os criterios que motivaron o seu peche perimetral e tamén o peche da hostalaría, tendo en conta ademais que hoxe luns día 9 de novembro remata o Estado de alarma con carácter xeral”.

Por todo elo, e en base a estes datos publicados pola Consellería de Sanidade, “vimos de remitir á Xunta de Galicia un requirimento no que lle solicitamos o levantamento do peche perimetral do Concello de Monforte de Lemos, e que se permita ademais a reapertura dos establecementos de hostalaría, coas restricións establecidas con carácter xeral para este sector no conxunto da Comunidade Autónoma de Galicia” concluíu o rexedor municipal.

Este requerimento foi enviado por vía telemática ó Presidente da Xunta de Galicia, unha vez rematada a reunión da Xunta de Goberno do Concello.