O Concello asinou ante notario a compra da casa na rúa Santa Clara para facilitar o acceso da nova Ponte

Monforte de Lemos, 21 de decembro de 2020. O Alcalde, José Tomé Roca, ven de informar que na mañá de hoxe o Concello procedeu a escriturar a compra na Notaría de Monforte da casa  situada no número 60 da rúa Santa Clara.

Dende o Concello, o seguinte paso, unha vez adquirida e pagada ante notario esta casa, será inscribila no Rexistro da Propiedade co obxecto de que no seu día, o espazo que ocupa actualmente o inmoble facilite a conexión da nova Ponte de Ferro do Malecón coas rúas Santa Clara e Corredoira.

O Alcalde destacou que “con esta adquisición damos un paso máis cara a construción do que será unha das infraestruturas de referencia da cidade de Monforte, a nova Ponte de Ferro obre o Cabe, que mellorará sensiblemente o tráfico rodado desta parte da cidade, e que permitirá ademais a peonalización da Ponte Medieval”.

 

A nova Ponte de Ferro de Monforte

O pasado 1 de xuño de 2020, o Alcalde monfortino convocou o concurso de ideas para o deseño da Nova Ponte de ferro sobre o río Cabe, no que os deseños presentados debían ser semellantes á antiga Ponte de Ferro que estaba situada no lugar que ocupa a actual ponte nova na Avenida de Galicia, unha ponte que caeu nos anos 50 do século XX.

O 25 de xuño, o xurado constituído para fallar dito concurso anunciou que o deseño baixo o lema “Mercedes” foi o que obtivo a maior puntuación tras a valoración de dito xurado das 7 ofertas técnicas presentadas, deseño que foi elaborado pola empresa lucense Monsa Urbanismo S.L.

O gañador do concurso de ideas non recibiu un premio en metálico, senón que o premio para a esta proposta gañadora é a redacción do proxecto construtivo da Ponte Nova e a dirección de obra durante a súa construción.

Do mesmo xeito, as 7 propostas presentadas a este concurso foron dadas a coñecer mediante exposición pública na Casa da Cultura a todos veciños e veciñas de Monforte durante a primeira quincena do mes de xullo.

A Ponte Nova contará cunha estrutura similar á da antiga Ponte de Ferro, sen apoios no río, adaptada ás necesidades viarias actuais, con 2 carrís de 3,5 metros de ancho, un para cada sentido da circulación, e as beirarrúas de 2,5 metros de ancho cada unha para facilitar o paso dos peóns.

“Cando isto sexa realidade no horizonte de este mandato, a ponte vella ou Ponte Medieval, converterase en peonil, para conservar o monumento, para disfrute da xente e para contemplar placidamente a paisaxe río arriba e río abaixo sen o agobio dos coches” sinalara Tomé Roca cando anunciou este importante proxecto construtivo para a cidade.

No deseño da Nova Ponte propuxérase a conexión do Paseo do Malecón coa rúa Santa Clara á altura da rúa Corredoira para darlle continuidade cara ó Hospital Comarcal o que significará un novo acceso ó complexo sanitario, ocupando o espazo onde se ubica a Pasarela de madeira. Esta conexión, facilítase coa compra do inmoble do número 60 da rúa Santa Clara formalizada no día de hoxe.