O Concello de Monforte acomete a mellora das rúas Poeta Noriega Varela e Lois Pereiro

Monforte de Lemos, 3 de agosto de 2020. O Concello de Monforte informa que no día de hoxe estanse a concluír os traballos de mellora das rúas Poeta Noriega Varela e Lois Pereiro, continuando así coa planificación deseñada polo Equipo de Goberno para mellorar diferentes rúas da cidade.

Con estas actuacións dáselle continuidade o programa de melloras en infraestruturas urbanas que o Equipo de Goberno do Concello ven desenvolvendo, tras o reinicio deste tipo de actividades que sufriu un parón por mor da pandemia do COVID-19.

O investimento destas dúas actuacións ascende a algo máis de 40.000 euros, concretamente 40.370,96 €. As obras de mellora na rúa Poeta Noriega Varela foron adxudicadas á empresa Probisa por un importe de 25.971,96 euros, mentres que as da rúa Lois Pereiro foron executadas pola empresa Acoval S.A., por un importe de 14.399 euros.

 

Traballos de mellora en Poeta Noriega Varela

As obras e actuacións de mellora levadas a cabo na rúa Poeta Noriega Varela consistiron na renovación da capa de rodadura de dita vía, debido ó desgaste do seu pavimento, a deficiencias na sinalización horizontal e polo mal estado xeralizado do asfalto existente, que presentaba acusados desniveis e zonas co formigón fraturado, aspectos que incidían negativamente nas condicións de tráfico.

Deste xeito, as obras acometidas en Noriega Varela pola súa marxe esquerda en dirección á rúa Pardo Bazán dende a rúa Dr. López Suarez, completaron a calzada continuando a alineación do primeiro tramo ata unilo co segundo tramo.

Do mesmo xeito, fresáronse os frontes coas rúas Dr. López Suárez, Pardo Bazán e Travesía de Echegaray, e regularizáronse os desniveis existentes.

Posteriormente, en toda a calzada, procedeuse a aplicar unha nova capa de rodadura, de 5 cm de espesor de formigón bituminoso tipo AC-12 surf 50/70.

Tamén, no entronque coa rúa Dr. López Suárez, procedeuse á formación dun vado peonil para a eliminación de barreras urbanísticas.

Por último, na calzada, unha vez terminada a colocación da nova capa de aglomerado, se procederá ó pintado da vía, coa marcaxe das liñas horizontais, cebreados e símbolos correspondentes.

As obras de mellora na rúa Poeta Noriega Varela foron adxudicadas á empresa Probisa por un importe de 25.971,96 euros.

 

Traballos de mellora na rúa Lois Pereiro

No caso da rúa Lois Pereiro, concretamente no cruce rúa Ramón Otero Pedrayo-Regueiro das Malloadas, acometéronse as obras necesarias para a renovación do seu pavimento así como a nova sinalización horizontal da mesma, debido ás deficiencias que presentaba en moitos dos seus tramos con respecto á capa de rodadura, que presentaba baches, cortes e falta de uniformidade do pavimento.

Deste xeito, os traballos que se levaron a cabo en dita rúa foron os seguintes:

  • Limpeza e fresado do pavimento asfáltico.
  • Levantado de tapas de arquetas e pozos de rexistro.
  • Aplicación dunha capa de rodadura de aglomerado asfáltico tipo D-12 en quente de 5 cm de espesor e rego de adherencia con 1.5 kg/m2 de emulsión asfáltica.
  • Eliminación dos pasos de entradas a garaxes construídos sobre a capa de rodadura.
  • Limpeza dos arcéns utilizados como zonas de aparcamento, co fresado de blandóns, retirada do material non apto e recheo con capas de zahorra compactada e unha última capa de macadán e rego de adherencia con 1.5 kg/m2 de emulsión asfáltica.
  • Do mesmo xeito, con esta obra darase continuidade á beirarrúa da rúa Miguel de Cervantes, no seu encontro con esta travesía.
  • Finalmente, tamén se procederá ó pintado da sinalización horizontal da rúa mediante pintura branca reflexiva.

Estas obras de mellora da rúa Lois Pereiro que foron levadas a cabo pola empresa Acoval S.A., contaron cunha inversión de 14.399 euros.