Monforte de Lemos, 28 de maio de 2020. O Circo Nevada, de orixe extremeña, que se viu obrigado a permanecer en Monforte dende o mes de marzo por mor das restriccións de mobilidade derivadas do Covid-19, ofrece funcións gratuítas para agradecer a solidaridade que os monfortinos tiveron con eles durante o estado de confinamento derivado da pandemia.
Neste senso, dende o Concello de Monforte, apoiase esta iniciativa gratuíta, que terá lugar na explanada da rúa Sarria os vindeiros 4 a 7 e 11 a 14 de xuño, ás 20:30 horas, e para a cal é necesario reservar as entradas no teléfono 633 520 013, xa que o aforo é limitado.
Cabe resaltar que, dende o inicio do estado de confinamento por mor do Coronavirus, e tendo en conta as difíciles circunstancias polas que o Circo Nevada estaba a atravesar dende o 10 de marzo, e dado que non podía desprazarse ó seu lugar de orixe, dende o Concello de Monforte procedeuse en todo momento a facilitar toda a axuda que foi posible para facer máis levadeira a situación das 14 persoas que conforman a plantilla deste Circo.
Así, dende o Equipo de Goberno do Concello e, a través dos servizos sociais municipais, procedeuse a aprobar para o Circo Nevada unha axuda de emerxencia destinada á compra de alimentos en supermercado.
Do mesmo xeito, e debido ás necesidades médicas dalgúns dos membros do Circo, dende o Concello tamén se destinou unha axuda para a adquisición de medicamentos.
O Alcalde manifesta que “en todo momento fomos coñecedores da difícil situación pola que estaba a atravesar o Circo Nevada, xa que mantivemos unha comunicación constante coa súa directora, e por ese motivo dende o Concello colaboramos prestándolles a nosa axuda en todo o que nos foi posible. E agora tamén apoiamos a súa iniciativa de ofrecer funcións gratuítas ós monfortinos en agradecemento pola axuda que moitos dos nosos veciños lles brindaron, solidariedade que para nós é un motivo de orgullo.”