O Concello de Monforte apoia a Marcha Ciclista Unificada para persoas con e sen discapacidade intelectual, que recorre hoxe as rúas da cidade

Monforte de Lemos, 1 de outubro de 2020. O Concello de Monforte é hoxe un dos escenarios protagonistas do transcurso da 8ª Marcha ciclista unificada organizada pola asociación Special Olympics Galicia, que une deporte e inclusión social.

Ademais do Concello de Monforte, Sober e Ferreira de Pantón, son os outros municipios que polas que transcorre, na mañá de hoxe, esta marcha ciclista que está composta por  16 deportistas e 3 adestradores pertencentes a Prodeme e a Voluntarios de Santiago.

Na xornada inaugural e no pistoletazo de saída, que tiveron lugar en Sober, participou, representando ó concello monfortino, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, que estivo acompañada polo Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos da Deputación de Lugo, José María Arias, así como os alcaldes dos outros concellos participantes na marcha, Sober e Ferreira de Pantón, Luís Guitián e José Luís Álvarez, e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández.

Gloria Prada, desculpou a ausencia do Alcalde de Monforte, que non puido acudir a este acto por motivos de axenda, e destacou na súa intervención a importancia deste tipo de actos “que axudan a eliminar os estereotipos que aínda existen arredor da discapacidade, á vez que contribúen a visibilizar e normalizar unha realidade da que a sociedade moitas veces non é consciente”.

Neste senso a Tenente de Alcalde manifestou, en nome do Alcalde e do Equipo de Goberno do Concello de Monforte “o noso compromiso coa inclusión das persoas con discapacidade e somos conscientes da importancia que ten o deporte como transmisor de valores tan positivos como a superación, o xogo limpo ou o compañeirismo, e que serve ademais para inculcar hábitos de vida saudables”.

En definitiva, concluíu Gloria Prada, “esta Marcha Ciclista Unificada é algo máis que un evento deportivo, porque contribúe a demostrar que non ten que haber ningún tipo de barreira para as persoas con discapacidade”

Tras a inauguración, as autoridades deron o pistoletazo de saída ós 16 deportistas e 3 adestradores que iniciaron así a ruta de Sober-Ferreira de Pantón-Monforte-Sober.  Ás 13 horas, está previsto un avituallamento no monfortino Parque dos Condes, e contra as 14 horas a chegada de novo a Sober.